Tras anos de traballo e investigación na área da microfluídica, a fotónica e a biotecnoloxía, acaba de constituírse como empresa BFlow, unha spin-off da USC e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que forma parte do BioIncubatech.
Trátase dunha iniciativa que foi posible grazas á colaboración dun equipo de socios promotores como María Aymerich, Maite Flores, Ezequiel Álvarez ou Alberto Pérez Muñuzuri, todos eles investigadores que foron imprescindibles para sacar adiante esta nova empresa, que estará dirixida por María Seoane.
Segundo indican, BFlow pretende ofrecer solucións de microfluídica grazas a un deseño personalizado e á fabricación dun chip con microcanles sobre as que se pode realizar cultivos celulares. Así, en investigación preclínica, esta tecnoloxía posibilita probar as moléculas e fármacos nunhas condicións moi similares ás dun ser vivo, polo que, utilizada antes de pasar á fase de ensaio con animais, permite identificar aos candidatos con máis posibilidades de superar ese test, aforrando tempo, medios e custos, e reducindo o número de animais de experimentación.
Os responsables aseguran que a solución de BFlow incorpora varias características únicas que a diferencian do resto de solucións do mercado. Entre elas, destacan a gran variedade de opcións de deseño de microcanle, así como de materiais. Todo, sen a necesidade de realizar prototipos, o que a converte nunha alternativa de grande utilidade para os laboratorios e compañías farmacéuticas, ao ofrecer unha solución personalizada, punteira, rápida e económica.
Desde BioIncubatech aseguran que as solucións de BFlow teñen un amplo campo de aplicación que vai desde a cura de feridas ata a minería ou o tratamento de residuos, unha flexibilidade que se debe sobre todo á súa capacidade de ofrecer información en tempo real para unha mellor monitorización en situacións que requiran a aplicación de fluxo.
A iniciativa, que leva anos fraguándose, conta con varias distincións pola súa aplicabilidade e innovación. Destaca o Premio de transferencia de tecnoloxía Francisco Guitián Ojea e tamén o galardón concedido a Xoves Investigadores Ernesto Viéitez, ambos os dous outorgados pola Real Academia Galega de Ciencias. Ademais foi certificada como iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica pola Xunta de Galicia e foi galardoada como Mellor Idea Empresarial pola propia USC.
Así mesmo, cómpre destacar que BioIncubatech, situada no edificio Emprendia da USC, é a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. Conxuga unhas infraestruturas de gran calidade con programas de incubación e aceleración, co fin de atraer talentos de todo o mundo a Galicia. Isto permítelle acoller actualmente ata 22 proxectos, a maioría deles enfocados a mellorar o sector da saúde.
Este innovador proxecto da USC conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago e está financiado pola Fundación Incyde xunto á Axencia Galega de Innovación da Xunta.
Fonte: El Correo Gallego