Nace Telefónica Innovación Alpha: a operadora quere impulsar a transformación dixital

Telefónica creou unha nova filial enfocada á innovación de produtos e ao desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas, un novo movemento que está relacionado co obxectivo da teleco española por albergar o máximo crecemento en canto a transformación dixital.

O propósito da nova división, denominada Telefónica Innovación Alpha, consistirá en exercer a innovación a longo prazo para a produción de novas tecnoloxías no futuro. Polo momento, a posta en marcha queda moi afastada xa que os produtos tecnolóxicos se atopan nunha fase embrionaria e aínda lles queda un longo percorrido para obter un proceso de maduración e finalmente lanzarse ao mercado. En principio, as tecnoloxías centraranse en áreas como o recoñecemento de voz, táctil e as comunicacións visuais.

A filial vai depender societariamente da matriz da entidade e complementará os seus labores con Telefónica I+D. Coa recente estratexia, a empresa de telecomunicacións pretende dar un impulso a Open Future, un programa lanzado para a recompilación de propostas que promovan a innovación e a transformación dixital co fin de convertelos en negocios de éxito.

A iniciativa de Open Future está presente en 17 países investindo en máis de 600 startups, acelerou 850 proxectos empresariais e ten máis de 85 socios públicos e privados. O compromiso de Telefónica para impulsar a innovación dixital reflíctese no importante investimento que a compañía está a realizar, destinando á área de investigación e desenvolvemento un financiamento superior a 1111 millóns de euros en 2014, segundo informa o diario económico Cinco Días.

O presidente da compañía César Alierta destacou o pasado mes de novembro no Encontro Telefónica 2015 o plan estratéxico que están a levar cabo para adaptarse ao cambio tecnolóxico. “Estamos vivindo unha auténtica revolución e nós temos a sorte de estar no centro desta revolución. A dixitalización e o Big Data son a clave para innovar e dar máis valor aos nosos clientes así como tomar mellores decisións de negocio, un negocio que ten un grande impacto social positivo, contribúe a aplanar o mundo e á creación de riqueza e benestar”.

(Fonte: El Economista)