O escaparate dixital ten cada vez máis peso nos negocios. É por iso que acaba de nacer o primeiro Polígono Virtual de Galicia. A súa sede física atópase no Parque Tecnolóxico de Galicia e ten como xerente á emprendedora ourensá Sandra Ferro Conde. Agrupa a máis dun centenar de empresas inscritas, ás que quere axudar na súa expansión tecnolóxica.
“O Polígono Virtual de Galicia ten todas as características e as vantaxes dun polígono pero sen unha localización física. O principal obxectivo que nos marcamos é que as empresas que estean asociadas teñan esa pegada dixital, que sexamos conscientes do importante que é ter presenza en liña e un punto dixital no que darnos a coñecer a todo o mundo, e non só no ámbito local. Aínda que moitas empresas xa teñen iso moi traballado, é certo que ao autónomo ou á pequena empresa do rural aínda lle custa moito. Estamos enfocados sobre todo a este tipo de perfil” -explica a xerente-.
Ferro indica que “coa pandemia avanzouse moito e tense visto que nun mundo tan globalizado non podes competir só a nivel local co teu pequeno punto de venda ou de servizo. Pero aínda hoxe nos atopamos con moitas empresas cunha facturación decente e que non teñen un correo electrónico corporativo, por exemplo, ou que non teñen unha páxina web de contacto. Por iso entendemos que hai moito que facer”.
O Polígono Virtual ten 130 asociados e cada un deles dispón do seu pequeno espazo para a súa empresa, servizo ou actividade con imaxes e información sobre os seus produtos.
Fonte: La Voz de Galicia