Nace InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, para dignificar a I+D+i

 

Catro anos terá que agardar para celebrar un aniversario a InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación, que se fundou o pasado 29 de febreiro en Santiago tralo cónclave de medio centenar de persoas provenientes do sector investigador de toda Galicia.

Compartiron inquedanzas sobre a precaria e inestable situación actual do I+D na comunidade e actúan para artellar un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador. Explican que InvestiGal nace coa vontade de aglutinar a pluralidade de perfís relacionados co sector (persoal investigador, técnico, xestor, docente) dos diversos centros de coñecemento (universidades, centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións, etc.).

Após unha longa xornada de traballo e debate, establecéronse unha serie de liñas programáticas básicas, que van de dignificar a carreira investigadora, non só con recoñecemento do seu labor, tamén fomentando a súa estabilidade e continuidade laboral. Tamén houbo acordo na defensa da igualdade de xénero e na implementación de medidas que rachen co teito de cristal e os obstáculos aos que se enfrontan as investigadoras.

InvestiGal considera de máxima urxencia que o Goberno galego supere o atraso económico ao que está sometendo á sociedade e se coloque á vangarda internacional, entendendo a investigación como un motor de enriquecemento do país. Para iso, o colectivo esixe máis investimento, mellor xestión do mesmo, ademais de regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación.

Fonte: El Correo Gallego