Nace Go Ignite, unha nova plataforma de apoio á innovación

Deutsche Telekom (hub:raum), Orange (Orange Fab), Singtel (Singtel Innov8) e Telefónica (Telefónica Open Future) lanzaron Go Ignite, unha plataforma que dá nome ao proxecto posto en marcha por estas catro empresas para apoiar os negocios emerxentes e a innovación.

En concreto, a plataforma, que foi presentada no evento ‘Four Years From Now” para startups tecnolóxicas do Mobile World Congress (MWC), supón a creación dunha nova marca para forxar a alianza alcanzada en setembro de 2015 para conectar entre si os ecosistemas emerxentes de Asia, África, Europa, América Latina e Oriente Próximo.

Go Ignite realizou dende o MWC o seu primeiro chamamento global para startups co obxectivo de que presenten os seus proxectos nunha das cinco categorías seguintes: Internet das cousas (IoT), ciberseguridade, análise de grandes datos, difusión de contido e mellora da experiencia do cliente.

As catro compañías aseguran que esta alianza ofrece un programa de axuda para que as mellores empresas emerxentes poidan atopar oportunidades de desenvolvemento empresarial, acelerar a comercialización das súas innovacións e proxectar o seu negocio máis alá do seu mercado nacional.

Go Ignite seleccionará un máximo de cinco startups innovadoras para o programa, cuxa data límite é o 30 de abril, que se beneficiarán dos recursos colectivos dos membros da alianza para converter as súas ideas en solucións viables dun modo máis rápido.

Os devanditos recursos inclúen a obtención de coñecemento sobre distintos mercados, presentación de socios, emprego de espazos de traballo cooperativo, posibles investimentos, preparación, orientación, convites a presentacións e eventos para startups, así como acceso a negocios en funcionamento de membros da alianza.

Nesta liña, tamén poderán obter acceso ás unidades de negocio desta alianza e a súa carteira de clientes colectiva, que inclúe empresas e clientes que supoñen máis de mil millóns de usuarios de dispositivos móbiles en cinco continentes.

(Fonte: EP)