A Unión Europea acaba de sacar á luz unha nova plataforma que axudará a que os emprendedores comunitarios poidan acceder, sen barreiras nin ocultismos, a toda a información referente ao financiamento público europeo para proxectos de innovación.
Unha ferramenta de carácter gratuíto para que pemes, startups, centros de investigación ou empresas xa consolidadas teñan ao alcance un importante número de axudas, que doutro modo poderían presentar un acceso complicado ou pouco visible para os emprendedores.
A iniciativa foi posta en marcha a través da plataforma Fundera, implementada polo enxeñeiro español Diego Soro, CEO da compañía, quen creou este servizo “para que o límite da innovación non sexa o financiamento”.
Fronte a outras páxinas que só recollen unha parte nesgada do financiamento existente, este novo sistema extrae toda a información de xeito automático de calquera fonte e organismo público e estrutúraa para que calquera usuario poida ter acceso a ela.
Información por valor de 8500 millóns
Tal como explica Soro, “Fundera inclúe ao redor de 400 enlaces directos que recollen información por valor de máis de 8500 millóns de euros, aínda que a finais deste ano espera recoller máis de 40.000 millóns de financiamento activo da Unión Europea de diferentes sectores de actividade”.
Ademais, a plataforma conta con varias consultoras con áreas de especialización específicas que aconsellarán ás empresas que o requiran acerca das liñas de financiamento que mellor se adecúen a cada caso, en función os obxectivos e o sector no que se atopen.
En última instancia, o sistema será de grande utilidade para todos os emprendedores, incluídos os do noso país, xa que por fin poderán gozar dunha ferramenta única na busca de informacións relativas ao financiamento de pemes e startups “de xeito ordenado e homoxéneo, e reducindo considerablemente o tempo empregado para iso”, conclúe o seu fundador.
(Fonte: Innovaspain)