A startup galega Laminfy lanza a súa nova solución dixital, que vén mellorar o crecemento en liña e as relacións comerciais entre profesionais do sector do deseño, a planificación e a construción de espazos (arquitectos, interioristas, reformas e rehabilitacións, homestagers…). Desde o edificio CEI de Tecnópole, Laminfy PRO é a plataforma B2B (de profesional a profesional) que quere innovar na forma de construír relacións comerciais entre empresas dos sectores da construción e do deseño de espazos, así como aumentar a visibilidade para que miles de potenciais usuarios particulares poidan acceder a estes profesionais destacados e inicien novos proxectos.
Tal como explican os responsables desta iniciativa, “calquera empresa de construción poderá atopar en Laminfy PRO desde un arquitecto de paisaxes, un homestager ou expertos en domótica para que xuntos poidan crear proxectos. Os principais beneficios desta proposta radican especialmente na visibilidade en liña (utilizando SEO e SEM personalizado) e o networking entre profesionais”.
Co fin de facilitar este proceso, cada cliente terá asociado o seu propio Account Manager de confianza, onde xuntos trazarán o rumbo a longo prazo do seu crecemento dixital, en función do plan de subscrición elixido. Ademais, as redes sociais e a comunidade que Laminfy está a crear na actualidade é un dos piares onde a empresa quere sustentar un crecemento conxunto entre a marca e os seus clientes PRO, onde grazas á “publicidade dirixida” axudará a visualizar os proxectos, enviando miles de usuarios aos sitios web e perfís públicos de cada cliente específico.
Outra gran vantaxe é que non teñen ningún tipo de custo por intermediación entre os proxectos dos expertos. Laminfy asegura que o seu principal obxectivo é xerar relacións de calidade duradeiras cos profesionais, sen ataduras a ningún cliente ou usuario.
Obxectivos para 2022
O primeiro obxectivo de Laminfy para este ano é ter presenza en liña en todas as cidades máis importantes de España, onde máis se demandan este tipo de servizos. A finais de 2021, antes do lanzamento da plataforma, xa contaban con máis de 60 empresas verificadas e rexistradas ao longo de toda a península.
Outro dos seus propósitos é contribuír a que cada profesional ou empresa ofreza a nivel dixital unha imaxe impecable, que lle permita xerar novos clientes e contratos, e construír unha presenza de marca en liña a longo prazo que garanta o éxito conxunto. Así mesmo, queren contar con tendas, establecementos e empresas provedoras que fornezan a centos de profesionais e que obterán descontos exclusivos por ser membros PRO.
No pasado mes de decembro Laminfy pechou con éxito unha primeira rolda de financiamento en fase “Pre-Seed”, co fin de escalar e internacionalizar o modelo de negocio, que lle permitirá á comunidade Laminfy PRO acceder a novos mercados limítrofes neste ano.
Fonte: Tecnópole