Nace a primeira plataforma online de servizos de impresión 3D orientada á industria

O público obxectivo de R3ALD son departamentos de enxeñería ou de I+D+i, deseñadores, emprendedores e arquitectos. En xeral, calquera persoa que necesita fabricar unha peza a partir dun arquivo 3D, ben para validar o seu deseño ou para utilizalo como produto final.

O sistema R3ALD inclúe diferentes impresoras 3D que traballan con distintos materiais. Deste modo, pódese encargar en internet a fabricación de pezas a partir dun arquivo ofrecido polo cliente, e sempre baixo a máis estrita confidencialidade. Estas pezas pódense construír en metal, plástico, resina ou escaiola e con distintos acabados: pintado, tintado ou metalizado.

R3ALD asegura prazos de entrega moi curtos no desenvolvemento da peza, e o cumprimento dos requisitos que demandan todos os sectores: o industrial, o dos bens de equipo, a aeronáutica, automoción, molde e matricería, enerxía, saúde, e implantoloxía. A plataforma dispón, ademais, dun sistema de cotización online moi intuitivo e un plan de seguimento e control dos pedidos realizados.

O centro tecnolóxico Prodintec conta co maior parque de equipos de fabricación aditiva en número, capacidade e rango de materiais de España. Tamén traballa en deseño para a fabricación aditiva e de post procesado, completando desta forma toda a cadea de valor necesaria para facer industrializable esta tecnoloxía.

(Fonte: Spain Technology)