O Consorcio Aeronáutico Galego presentou en Vigo a Business Factory Aero, a primeira aceleradora do sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados de Galicia, BFAero; unha iniciativa que promove en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, Indra, CTAG e Fundación CEL.
Durante a presentación, o presidente do Consorcio Aeronáutico, Enrique Mallón fixo fincapé na relevancia que a nova aceleradora terá para o tecido empresarial galego e destacou a aposta da Xunta de Galicia polo sector aeronáutico en Galicia. A continuación, celebrouse unha mesa redonda na que o director da Área de Servizos de Gain, Pedro Arenas, destacou que a BFAero é un paso máis para impulsar e atraer axentes empresariais e ideas innovadoras a Galicia.
Pola súa parte, o director da Área de Vehículos Aéreos de Indra, Javier Barcala, sinalou que sempre apostaron polos proxectos de investigación e desenvolvemento, xa que esta empresa dedica unha gran cantidade de recursos a investigación e desenvolvemento a través do comité de innovación multidisciplinar do que dispoñen en INDRA.
Tamén recalcou que “estamos en continua busca de talento, a través da apertura internacional da call de BFAero, co obxectivo de atraer empresas estranxeiras que se instalen en Galicia”.
Para finalizar, o vicepresidente do Consorcio Aeronáutico Galego e xerente de Industrias Delta Vigo, Francisco Puga, indicou que a Business Factory Aero é unha fonte moi importante que achegará valor ao tecido industrial aeronáutico en Galicia.
“O sector aeronáutico e aeroespacial galego debe deixar de ser un sector minoritario en Galicia e coller máis peso. É importante non entendelo como algo local, xa que o mercado global demanda solucións globais”.
Por último, o xerente da Fundación CEL, Rodolfo Ojeda, explicou en detalle as características da BFAero e a convocatoria que actualmente está aberta, ata o 28 de febreiro de 2019. Indicou que “o gran reto de futuro é diferenciar a nosa industria, facéndoa máis competitiva nun mundo cada vez máis globalizado e a aceleradora, sen dúbida axudará nesta tarefa”.
(Fonte: Innovamás)