A Axencia Estatal de Investigación ten como propósito mellorar a eficacia dos servizos prestados pola Administración Xeral do Estado en materia de I+D+i, a incorporación das mellores prácticas internacionais de avaliación, a rendición de contas das axudas outorgadas e a simplificación dos procedementos administrativos.
A Axencia créase a custo cero cos recursos humanos e materiais da Secretaría de Estado de I+D+i e a súa posta en marcha será en 2016. Nun prazo non superior a 60 días constituirase o órgano de goberno da Axencia, o Consello Reitor, que deberá nomear como director, único responsable executivo, a un investigador ou tecnólogo con experiencia na xestión da I+D. Neste período, de xeito provisional, a dirección da Axencia será asumida pola directora xeral de Investigación Científica e Técnica.
O novo organismo contará con aproximadamente 300 empregados que xestionarán as axudas da Secretaría de Estado de I+D+i. A Axencia ten capacidade para xestionar ademais as axudas de I+D doutros ministerios mediante convenios, e poderá sumar tamén a xestión de fondos privados. Actuará en coordinación co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), o outro grande axente financiador da I+D+i, no seu caso destinado especialmente ao mundo empresarial.
A Axencia Estatal de Investigación dotará de maior estabilidade ás axudas públicas da I+D grazas á planificación plurianual dos seus recursos, podendo fixar obxectivos a medio prazo e posibilitando que as convocatorias de proxectos ou de RRHH conten coa necesaria previsibilidade nos prazos e no financiamento. Disporá, ademais, dun sistema de avaliación independente baseado en criterios científicos e técnicos para asegurar a promoción da calidade e a excelencia.
Coa creación desta Axencia dáse cumprimento á Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación de 2011, á Lei de presupostos xerais do Estado de 2015 e ao Programa Nacional de Reformas. Ademais, establécese un modelo equiparable cos países punteiros en ciencia da UE e séguense as recomendacións do Consello da UE e do ERAC Peer Review, que fixo unha auditoría en 2014 do sistema español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación a petición do Ministerio de Economía e Competitividade.
(Fonte: Innovamás)