“Xa ninguén pon en cuestión a existencia dunha fenda de xénero internacional nas traxectorias educativas de nenas e mozas nos ámbitos científico-tecnolóxico”. Así de claro se expresa o Ministerio de Educación en Radiografía de la brecha de género en la formación Steam, o seu primeiro “estudo en detalle da traxectoria educativa de nenas e mulleres en España”. Pero, seguro que “ninguén”? Porque hai voces escépticas ante esa afirmación en particular e outras que mesmo cuestionan que as mulleres estean tan capacitadas como os homes para desenvolver carreiras vencelladas a eses campos.
E esas opinións danse até entre as propias mulleres. Non son moitas, pero habelas haylas, a tenor do que sae á luz nun estudo do Consello Galego de Mulleres promovido pola Consellería de Emprego sobre a presenza feminina nas TIC. O informe inclúe unha enquisa respondida por 606 persoas, 558 mulleres, e cun perfil maioritario entre os 18 e os 55 anos e nivel de estudos de licenciatura e máster. Ás enquisadas pedíaselles adxudicar un “verdadeiro” ou “falso” a afirmacións vencelladas á relación entre mulleres e tecnoloxías e os resultados sorprenden.
Como destacan as autoras do informe, a pesar de que a maioría das participantes sabe definir a fenda dixital de xénero, case un 26% considera que non existe. As cifras lévanlles a contraria: segundo destacou o estudo, esa fenda no emprego no sector TIC é de case 35 puntos en Galicia. En 2020 esas actividades xeraron 24.400 postos de traballo e menos dun de cada tres ocúpao unha muller.
Un 30% das empresas TIC que operan en Galicia carecen de presenza feminina no seu cadro de persoal e só nun 14% chegan aos cadros de mando. E a Xunta inquiétase, segundo o informe, porque “existe o risco de que as mulleres queden fóra dos empregos do futuro, nos que a tecnoloxía será fundamental”.
Fonte: La Opinión