O Parque Tecnolóxico de Galicia ten aberto a través da súa páxina web o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 8 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro.
STEM Kids Tecnópole para escolares de 8 a 11 anos
STEAM Kids Tecnópole busca ofrecer aos máis novos, por sexto ano consecutivo, unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía desde unha óptica artística e creativa. Diríxese a escolares de entre 8 e 11 anos, cun límite de 25 asistentes.
O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de distintos campos de coñecemento e que requiren do uso de todo tipo de habilidades, tal como sucede na vida real. Os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a programar, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas.
Estas sesións terán lugar os mércores de 18:10 a 19:40 horas durante os meses de outubro de 2020 a maio de 2021. A cota mensual é de 50 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. Enlace de inscrición: https://www.tecnopole.es/gl/inscricion-steam-kids-tecnopole.
Aulas Tecnópole para rapaces de 12 a 18 anos
As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa undécima edición, están pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. As prazas están limitadas a 40 asistentes.
Os estudantes, procedentes de centros de toda a provincia de Ourense, trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2020 a maio de 2021. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características.
Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades.
Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia, a feira científica máis importante de Galicia que promove Tecnópole, e noutros certames nacionais como “Jóvenes Investigadores” do Ministerio de Ciencia e Innovación.
A cota mensual é de 15 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. Enlace de inscrición: https://www.tecnopole.es/gl/inscricion-aulas-tecnopole.