O barómetro de exportacións (Baexga) que elabora o Foro Económico de Galicia certifica que o mal comezo de xaneiro foi unha “fochanca” xa superada e agora, tras a recuperación experimentada en febreiro, a emisión de mercadorías “volve á senda de achegamento” aos niveis previos á pandemia, alcanzando o 91,6% daqueles valores. En toda España están aínda no 88,5%.
Tres M maiúsculas están detrás deste volantazo a favor. O Baexga destaca que “unha vez máis” o sector do motor lidera o crecemento, cunha subida interanual do 35,7% tras a fochanca de xaneiro, e agora vólvense superar en máis do 30% os niveis previos á crise do coronavirus.
O metal e a madeira e os seus derivados tamén recuperan o seu crecemento, interrompido o primeiro mes do ano. Os dous sitúanse por enriba da media galega se se mide en datos acumulados dos últimos 12 meses. No extremo oposto está un téxtil que cae un 41,9% interanual en febreiro, e tamén descenden os bens de equipo (17,9%). O sector agroalimentario “confírmase como o máis resiliente e estable”, xa que volve notificar unha variación interanual positiva até manterse “en niveis comparables” a antes da pandemia.
Fonte: El Correo Gallego