Modifican unha impresora 3D para producir tecidos biolóxicos complexos

Científicos da Universidade de California nos Ángeles (UCLA) idearon unha técnica que se vale dunha impresora 3D especialmente adaptada para construír bioestruturas terapéuticas a partir de múltiples materiais. O estudo foi publicado na revista Advanced Materials.

O avance podería ser un paso fundamental cara á impresión baixo demanda de tecidos complexos artificiais para o seu uso en transplantes e outras operacións cirúrxicas.

A técnica desenvolvida polo equipo de Ali Khademhosseini emprega un proceso baseado en luz chamado estereolitografía, e aproveita unha impresora 3D adaptada deseñada que posúe dúas compoñentes esenciais. O primeiro é un chip microfluídico feito á medida (unha plataforma plana e pequena cun tamaño similar ao dun chip de ordenador) con múltiples accesos, cada un dos cales “imprime” un material distinto. O outro compoñente é un microespello dixital, unha celosía de máis dun millón de espellos diminutos, cada un dos cales se move de forma independente dos demais.

Os investigadores utilizaron diferentes tipos de hidroxeles, materiais que, despois de pasar a través da impresora, forman estruturas a xeito de estadas para que os tecidos crezan no seu interior. Os microespellos dirixen luz cara á superficie de impresión, e as áreas iluminadas indican a silueta do obxecto en 3D que está a ser impreso. A luz tamén provoca que se formen enlaces moleculares nos materiais, o que causa que os xeles se convertan nun material sólido. A medida que se imprime o obxecto 3D, a celosía de espellos varía o patrón de luz para indicar a forma de cada nova capa.

O proceso é o primeiro en utilizar múltiples materiais para bioimpresión estereolitográfica automatizada, un avance notable sobre a bioimpresión convencional, que só utiliza un tipo de material. Se ben o dispositivo de demostración utilizou só catro tipos de biotinta, Khademhosseini e os seus colaboradores cren que o proceso podería acomodar tantas tintas como se necesiten.

Os investigadores usaron en primeiro lugar o proceso para producir formas simples, como pirámides. Despois, realizaron estruturas 3D complexas que emulaban partes de tecido muscular e de tecidos conectivos. Ensaiaron as estruturas impresas implantándoas en ratas. As estruturas non provocaron rexeitamento.

(Fonte: NCyT)