Microsoft lanzou Female Founders Competition, unha iniciativa de captación de fondos dirixido a mulleres emprendedoras, que busca identificar o talento feminino e premialo, financiando os seus proxectos. Faino a través do seu fondo de capital risco, M12, en colaboración con EQT Ventures e SVB Financial Group.
Como explican fontes de Microsoft España, trátase dunha candidatura aberta a calquera empresa rexistrada en Norteamérica, Israel ou Europa con polo menos unha muller entre os seus fundadores. Unha nova oportunidade para as emprendedoras españolas, que ata o 30 de setembro poden inscribirse aquí.
Están en xogo dous millóns de dólares de financiamento (en concepto de capital risco), ademais de acceso a recursos tecnolóxicos e asesoría legal e xurídica. 10 finalistas participarán nunha presentación en vivo este outono, na que exporán as súas ideas para dar solución a un problema empresarial. Desta rolda, elixiranse os dous equipos gañadores.
Como detalla a compañía tecnolóxica nun comunicado, o ano pasado, só o 2,2% dos fondos de capital risco en todo o mundo foron destinados a mulleres, e só o 17% das startups teñen polo menos unha socia fundadora, “a pesar de que a diversidade de xénero en comités directivos de empresa se correlaciona cun aumento do beneficio e da creación de valor da propia organización”.
“Eu mesma puiden comprobalo en primeira persoa”, admite no blog corporativo da compañía Peggy Johnson, directiva de Microsoft e unha das impulsoras da iniciativa. “Cando creamos o noso fondo de capital risco, M12, hai dous anos, sabiamos que tiñamos diante a oportunidade de construír o noso equipo dende cero, e propuxémonos facer da diversidade a nosa vantaxe competitiva. Nunha industria onde só o 8% dos socios de investimento nas principais empresas son mulleres, centrámonos en construír un equipo que fose diferente ao resto – non só referíndonos á diversidade de xénero ou orixe, senón tamén ao nivel educativo, experiencia e rede de contactos-. Sempre cremos que isto nos faría máis fortes, nos axudaría a atopar as ideas e oportunidades que pasan desapercibidas para o resto da industria e, por último, nos levaría a impactar nun porfolio máis diverso e rendible de proxectos”.
Johnson refírese a un equipo de investimento no que ata a data as mulleres representan arredor dun 40%, “esta porcentaxe baixa ata un 8% na nosa carteira de emprendedores. Precisamente este dato é o que queremos cambiar, cremos que debemos facer máis”. “Agora damos un paso máis para asegurarnos de que o diñeiro dos fondos de investimento chega a aquelas emprendedoras con potencial pero que habitualmente quedan atrás”, engade a directiva.
(Fonte: Innovaspain)