Mercadona presenta en Galicia unha plataforma de apoio ao emprendemento

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu o pasado venres a presentación do proxecto Lanzadera, unha iniciativa privada promovida polo propietario dos Supermercados Mercadona, Juan Roig, para axudar a que líderes emprendedores creen empresas eficientes, que acheguen valor e implanten un modelo empresarial sólido, baseado no traballo, o esforzo e o liderado.

Segundo indicou o director xeral da empresa, Javier Jiménez Marco, “o que facemos é axudar a que as cousas pasen, dar os recursos necesarios para que os emprendedores sexan capaces de desenvolver a súa idea”.

Deste xeito, Lanzadera convoca anualmente a quen dispoña dun proxecto empresarial innovador, ofrecéndolles os recursos formativos, económicos e estruturais necesarios para levar a cabo a súa idea. “Para nós o máis importante é a transmisión dun modelo de negocio contrastado, o modelo de calidade total de Mercadona que, ao longo de todos estes anos o que fixo é recompilar os erros e os acertos no tratamento cos clientes, provedores, traballadores e capital”, asegurou Jiménez.

Con este obxectivo, Lanzadera financia os proxectos con “un préstamo sen garantías ni avais, sen participación na sociedade, de ata 200.000 euros”; pon a disposición destes “titores e mentores que asesorarán a cada un sobre a mellor forma de abordar o seu proxecto”, así como “soporte administrativo, legal e laboral para que o emprendemento poida centrarse no desenvolvemento do seu modelo empresarial”.    

Así mesmo, engadiu o director xeral da iniciativa, o programa “prepara os equipos para o Investor Day”, que se realiza ao final. “Preparámolos para que poidan ser atractivos para os investidores, a nosa aspiración é que todo aquel equipo emprendedor que chega ao final do programa sexa investible”, apuntou.

Actualmente, Lanzadera prepara a súa terceira edición, á que aspirarán 25 proxectos despois de que na primeira participaran 15 e na segunda 20. “Estamos dando a coñecer a terceira, empezamos a recibir proxectos a partir de febreiro e, tras un par de meses de análise, a finais de maio, diremos quen son os 25 que virán a estar 11 meses con nós”, avanzou.

“O único requisito é ser maior de 18 anos e que estean con nós durante 11 meses en Valencia, pois todos os recursos que poñemos a disposición dos emprendedores están alí”, sinalou. Así mesmo, detallou que esta iniciativa “é válida para calquera emprendedor de España ou do mundo”. Con todo, se o emprendedor é “de fóra, a sociedade debe estar constituída en España”.

Proxectos galegos

Precisamente, dous dos proxectos que participaron na segunda edición deste programa están capitaneados por emprendedores galegos. Este é o caso Barkibu, unha aplicación de teleconsulta veterinaria que permite encontrar o mellor veterinario dispoñible e realizar unha consulta no momento, sen ter que desprazarse á clínica. O equipo, liderado polo enxeñeiro informático Pablo Pazos, compóñeno tamén o enxeñeiro Quique Torres e a filóloga Patricia Méndez.

Tamén galegos son os promotores de Enohm, unha firma de deseño de vasos e copas cuxo obxectivo é simbolizar a celebración da vida, para o que se vinculan con outros sectores como a moda ou a arte. Os responsables son o economista Cistóbal Villar, os enxeñeiros Damián Rodríguez e Jaime Muíños, así como o licenciado en Ciencias Políticas Miguel Vispo.

Máis información aquí.

(Fonte: EP)