Meigalabs gaña o Premio Incuvi-Avanza e catro novas ideas de negocio botan a andar na preincubadora de Tecnópole e a Uvigo

Meigalabs, unha das ideas de negocio que levan un ano desenvolvéndose na preincubadora de Tecnópole e a Universidade de Vigo (Uvigo), fíxose co Premio Incuvi-Avanza do Campus de Ourense, o que lle permitirá continuar no edificio CITI do Parque Tecnolóxico de Galicia. Durante o mesmo acto no que se outorgou este recoñecemento, fixéronse públicos os proxectos que pasan a instalarse durante o vindeiro ano na preincubadora.

Meigalabs conta xa con máis de 500.000 descargas en todo o mundo do seu videoxogo Corrupt Mayor Clicker. A súa aposta empresarial céntrase no desenvolvemento especializado en servizos de gamificación, apps e videoxogos para plataformas móbiles. José Antonio Tesouro, de Meigalabs, lembrou que un ano atrás eran eles os que estaban comezando esta andaina emprendedora “e hoxe somos unha empresa con produtos desenvolvidos e xa no mercado”. A súa receita baséase principalmente no traballo, “hai que traballar moito, pero un séntese realizado ao traballar no que che gusta e as horas semellan menos das que son en realidade”.

Da educación social ao agro

As catro ideas de negocio que darán os seus primeiros pasos na preincubadora da Tecnópole desenvolveranse en sectores diversos. A cooperativa de iniciativa social Brigantia é un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo e promover e fomentar a lingua e a cultura galega. “Somos catro graduadas en Educación Social e todas queriamos levar a cabo os nosos coñecementos nun proxecto empresarial propio, unha docente falounos desta iniciativa e aquí estamos”, subliña Rita Carreira.

Tamén terá un espazo propio unha nova empresa de compra-venda de produtos galegos “aínda sen bautizar”, subliñou Sergio Martínez, que explicou que levan xa varios meses traballando nun proxecto comercial enfocado á distribución e comercialización de produtos agrarios de calidade. “Empezamos a traballar coa cooperativa de pementos de Arnoia e vimos que había un baleiro de mercado no que a promoción deste tipo de produtos se refire”, explica o novo emprendendor, que admite que “os mesmos agricultores nos animaron a tirar para adiante con esta iniciativa”.

Xunto con estes dous proxectos de emprendemento, chegan á Tecnópole Barbook, unha aplicación social enfocada ao sector servizos, e Enviroverde, dirixida á creación de alternativas reais ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos.

(Fonte: DUVI)