As tecnoloxías disruptivas están cada vez máis presentes nas empresas da comunidade, e como mostra vemos que o 10,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega algunha tecnoloxía de Intelixencia Artificial, o que sitúa a Galicia no quinto posto do ranking por comunidades autónomas, por diante de Andalucía ou o País Vasco. Isto supón un ascenso no posicionamento de Galicia no contexto estatal, avanzando do noveno posto do ano anterior ao quinto, tras experimentar un crecemento do 50% no último ano.
Entre as empresas galegas que empregan Intelixencia Artificial, cómpre salientar o seu uso para a xeración de linguaxe natural (3º posto no ranking estatal) ou tecnoloxías que permiten o movemento físico das máquinas a través de decisións autónomas baseadas na observación do contorno, como robots, vehículos ou drons autónomos (4º posto no ranking por comunidades autónomas).
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que amosa o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 14,1% conta con especialistas TIC e, neste tramo empresarial, é a cuarta comunidade autónoma con máis profesionais TIC en Intelixencia Artificial.
O 11,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, experimentando un crecemento do 21,8% no último ano. Ademais, o 7,72% emprega a robótica, en valor practicamente idéntico á media estatal.
Estas son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre O uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas 2021/2022 publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.
Fonte: Código Cero