A Consellería de Medio Rural, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), deron un paso máis na dixitalización do sector forestal mellorando o sistema de tramitación administrativo para solicitar a realización dunha talla de madeira.
A ferramenta intelixente guiará aos usuarios na solicitude de tallas de autoconsumo en parcelas afectadas por valores protexidos. Simplemente introducindo a referencia ou referencias catastrais onde se desexa realizar o aproveitamento de madeira e contestando a unha serie de preguntas sinxelas, os usuarios coñecerán en tempo real se a súa parcela se atopa en Rede Natura, protección de augas, afectada por un elemento do patrimonio cultural ou pola protección do dominio público. Deste xeito, os propietarios coñecerán o procedemento máis axeitado para a tramitación desa solicitude de talla.
Estes novos sistemas intelixentes axudarán aos particulares a facer trámites administrativos, guiándoos durante todo o proceso, e asegurando que esa tramitación se faga conforme ás normas establecidas.
Fonte: La Opinión