Medio centenar de equipos de toda Galicia levan os seus inventos e proxectos de investigación á Galiciencia

n

Un respaldo intelixente que avisa das malas posturas nas costas, unha luz de salvamento fabricada a partir do flash dunha cámara de fotos ou un curioso estudo sobre a posible relación entre o gas radon e a morriña son só uns cantos exemplos do que se poderá ver, oír e tocar na "Galiciencia" este ano.

n

n

 

n

A maior feira científica de Galicia é un ano máis actividade de referencia da Semana da Ciencia en España por medio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.

n

 

n

Durante os días 20, 21 e 22 de novembro a entidade organizadora, Tecnópole, acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que 50 equipos de estudantes das catro provincias galegas, a excepción de cinco grupos que proceden de Cataluña, mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación. A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias.

n

 

n

A mostra contará coa participación de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que se sumarán varios equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, e un equipo que preparou o seu proxecto durante o campamento tecnolóxico de verán (T2W) organizado por Tecnópole o pasado mes de xullo.

n

 

n

Ademais, a Fundación Barrié participará cun stand propio no espazo da feira e ofrecerá unha charla para que os docentes coñezan a programación para este curso da canle educaBarrié, unha innovadora plataforma web na que se poñen contidos didácticos e materiais a disposición da comunidade educativa.

n

 

n

Talleres sobre a auga para todas as idades

n

 

n

"Galiciencia" chega á súa oitava edición cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga a través dunha exposición promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e de varios talleres orientados a diferentes idades.

n

 

n

Neles realizaranse experimentos físicos e químicos nos que se traballará con augas termais, ademais de catas e experiencias dirixidas a concienciar os participantes sobre o valor e a importancia dun uso responsable deste recurso indispensable para a vida. Os máis pequenos achegaranse ao seu coñecemento a través dun taller de pompas de xabón.

n

 

n

Tamén no marco desta conmemoración se organizaron dous concursos de debuxo e fotografía coa auga como tema principal. Neles participaron colexios de toda Galicia ao longo das últimas semanas e os gañadores daranse a coñecer o último día da "Galiciencia", durante o mesmo acto de entrega dos premios aos mellores proxectos expostos na feira.

n

 

n

O mundo do cinema e do cómic terá o seu espazo na "Galiciencia" a través dun espectáculo no que se analizarán os poderes dos superheroes dende un punto de vista científico. Flash, Superman e Spiderman serán sometidos a exame mediante divertidos experimentos que demostrarán que as súas habilidades teñen pouco que ver co mundo real.

n

 

n

Como novidade, a "Galiciencia" contará este ano cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira que gravarán todo o que aconteza na exposición de proxectos e nos talleres e espectáculos para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes.

n

 

n

Ademais, o evento volverá contar coa súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.

n

n

 

n