Un total de 104 estudantes procedentes de centros das catro provincias galegas, de Barcelona e de Guipúzcoa defenden os seus proxectos de I+D+i a partir de mañá na ‘Galiciencia’, a maior feira científica que se organiza en Galicia. O obxectivo: gañar o premio ao mellor proxecto nas tres categorías que se habilitaron por idades.
Unha novidosa instalación termo+fotovoltaica; fórmulas de extracción de aceites esenciais de algas para elaborar cosméticos; unha mochila ergonómica para evitar sobrecargas nas costas; un enxizador para tacos de billar ou un protector para xeados que evitan que nos manchemos; un modelo de roda para automóbil máis segura en mollado; e un equipo de microrrobots que xogan ao fútbol e bailan. Esta é só unha mostra dos inxeniosos traballos que estes investigadores precoces explicarán aos máis de dous mil visitantes que xa ten confirmados a ‘Galiciencia’ para estes tres próximos días.
Os alumnos, organizados en equipos nos que un dos seus profesores actúa como titor, explicarán desde os seus stands os proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación a través de maquetas, prototipos e murais. En total, serán medio cento de proxectos os que protagonizan a cuarta edición da maior feira científica de Galicia, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole– e patrocinada pola Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria.
A exposición, que terá lugar no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia no concello ourensán de San Cibrao das Viñas (Ourense) completarase con obradoiros e sesións didácticas. En total, trátase de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.
Un planetario, tres obradoiros e conferencias
En relación ao Ano da Astronomía, nas inmediacións da exposición de proxectos colocarase un planetario móbil dirixido aos máis pequenos. En conmemoración do Ano Darwin celebrarase en catro sesións diarias un obradoiro sobre a evolución, con Charles Darwin como protagonista.
Ademais, celebrarase un obradoiro baixo o título ‘O futuro é hoxe’, no que se achegarán aos visitantes os últimos avances da tecnoloxía que máis influirán na nosa vida cotiá nun futuro inmediato.
Por último, o divulgador Adolf Cortel impartirá un ciclo de sesións didácticas denominado ‘Cousas de todos os días como non as viches nunca’, nas que realizará experimentos de ciencia divertida ao redor de tres conceptos: a luz, o son e a carga eléctrica.