Máis dun cento de escolares aprenden na Tecnópole que o xénero non debe condicionar as vocacións científico-tecnolóxicas

Cincuenta escolares hoxe e outros tantos mañá pasan polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole para participar nas xornadas de impulso das vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Tecnópole únese así a outros 15 parques de toda España no marco da iniciativa “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino”, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).
 
Os alumnos e alumnas do IES O Couto de Ourense aprenderon hoxe que as diferencias de xénero non deben ser un condicionante para elixir unha carreira académica e profesional. A xornada comezou cunha competición na que os participantes demostraron os seus coñecementos sobre a selección de científicas e tecnólogas con traxectorias destacadas que forman parte da exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”.
 
Posteriormente, a enxeñeira técnica de montes Azahara Soilán explicoulles que ela elixiu os seus estudos porque lle apaixonaba a madeira e aclaroulles que “durante os estudos, rapazas e rapaces facíamos equipo, non había diferencias”. Sobre a súa traxectoria profesional, asegurou que “tiña claro que quería traballar na tecnoloxía relacionada coa madeira. Despois de moito esforzo, hoxe estou xusto onde quería, no CIS-Madeira”, centro tecnolóxico da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). “Loitade por dedicarvos ao que vos guste”, insistiulles.
 
No taller sobre o cerebro, o divulgador David Ballesteros deixoulles ben claro que non hai relación entre xénero e maior ou menor intelixencia, precisando que “sexas home ou muller, o cerebro consume o 20% da túa enerxía”.
 
Finalmente, alumnos e alumnas participaron nun taller no que, traballando en equipos liderados por rapazas, deberán formular propostas de solucións innovadoras a retos sociais contemplados na Estratexia Europea 2020 da UE. Ao longo dos próximos días deberán entregar un vídeo no que expoñan as súas propostas para resolver retos relacionados coa saúde e o envellecemento activo, o clima, o medio ambiente e a xestión sostible de recursos naturais. As ganadoras competirán con equipos de toda España por un premio final que será entregado no certame Talent Woman, en Málaga.
 
Todas os participantes nas xornadas recibiron a guía “Que quero ser de maior?”, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Nas xornadas participan tanto rapazas como rapaces para contribuír á súa concienciación sobre a igualdade de xénero. Mañá serán escolares do IES As Lagoas de Ourense os que asistirán.
 
Romper a fenda nas STEM
 
A iniciativa “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino” quere contribuír a aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
 
A intención da APTE e dos parques participantes nesta iniciativa é darlle máis visibilidade e aumentar a capacidade de atracción dos estudos da rama científico-tecnolóxica entre o público feminino máis novo. O obxectivo final é contribuír a un Sistema de Innovación máis igualitario en España no que se poida desenvolver todo o talento á marxe do xénero. En total, as actividades chegarán a máis de 2000 escolares de todo o país entre outubro e novembro.