As previsións de participación desbordáronse, cunha inscrición que alcanzou un total de 370 profesionais procedentes de toda España, Francia e Portugal, aos que se sumaron os 55 relatores chegados de varios países europeos e os Estados Unidos.
Durante o acto de clausura, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que o encontro nace con vocación de continuidade, co obxectivo de converter a provincia nun “núcleo da innovación dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa”.
O conselleiro resaltou o peso destes sectores no desenvolvemento “social, natural e cultural” de Galicia, sinalando que o agroalimentario representa o 7% do PIB, a industria forestal galega suma a metade do recurso dispoñible en España e a biotecnoloxía é un dos sectores con maior potencial en termos de creación de valor e competitividade.
Así, Conde valorou o papel clave da innovación para impulsar o seu crecemento. De feito, recordou, a biotecnoloxía está considerada na Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3 como tecnoloxía facilitadora de primeira orde, fundamental para a diversificación da industria galega e o impulso da economía do coñecemento. Unha Estratexia que, segundo explicou, atende tamén á modernización do sector primario, á mellora na xestión dos recursos naturais, e ao desenvolvemento de alimentos funcionais para un novo modelo de vida saudable.
Agroalimentación
Durante os relatorios sobre agroalimentación, expertos de empresas e centros tecnolóxicos expuxeron as últimas tendencias de investigación e innovación. Nelas presentáronse novos envases que, a través de nanopartículas ou da aplicación de gases para crear atmosferas modificadas, permiten estender significativamente a vida útil de alimentos como a carne de ave.
Ademais, os expertos en agroalimentación destacaron os retos que se abren no sector da agricultura ecolóxica, dado que os estudos apuntan a que nun prazo de entre 10 e 15 anos será a principal fonte de produtos agrícolas. Así, mentres que en España esta vertente supón o 2% do total, por exemplo en Austria alcanza xa o 15%.
Pola súa banda, Oliver Chen, profesor da Universidade Tufts (Boston), destacou os beneficios que os alimentos funcionais presentan na prevención das enfermidades asociadas ao envellecemento, achegando así a perspectiva das tendencias máis novidosas nun dos retos centrais da Estratexia de Especialización Intelixente.
Biotecnoloxía
O uso da biotecnoloxía para desenvolver e validar alimentos funcionais, é dicir, os que teñen novos compoñentes bioactivos (probióticos, antioxidantes, de protección cardiovascular, etc.) protagonizou outra das sesións.
Ademais, as empresas de biotecnoloxía participantes tiveron ocasión de coñecer novas oportunidades no ámbito da protección de cultivos. Os expertos destacaron que a diversidade de cultivos existentes na Unión Europea facilita encontrar múltiples nichos de negocio, tanto para a subministración de produtos como de servizos.
Neste mesmo campo, foron presentados o Programa de Desenvolvemento precomercial de Resultados de Investigación do Sistema Público de Saúde Galego (PRIS) e varias empresas galegas innovadoras. Health in Code expuxo os seus avances en xenética cardiovascular, Bialactis presentou os seus novos probióticos e Hifas da Terra e AMS Lab explicaron tamén os seus desenvolvementos máis novidosos.
Biomasa
Polo que respecta á biomasa, decatouse do estado actual da investigación relacionada cos biocombustibles de segunda xeración a nivel mundial, especialmente os relacionados coa utilización de biomasa forestal en biorrefinerías.
Ademais, abriuse unha nova perspectiva centrada no seu aproveitamento como fonte de compostos ou precursores de activos alimentarios, como probióticos ou aditivos. Nesta liña, déronse a coñecer novos materiais desenvolvidos a partir de biomasa para a súa utilización na automoción, co obxectivo de reducir o uso do plástico en favor de opcións novidosas de tipo “eco”, máis sustentables non só a nivel ambiental senón tamén económico pola redución de custos que leva consigo.
Espazo expositivo
No espazo expositivo, unha trintena de empresas de toda España mostraron os seus produtos innovadores, dende lentes de contacto que liberan substancias para o coidado da vista ata novidosos sistemas autónomos de produción de enerxía renovable, pasando por compotas de froitas e cremas de vexetais envasadas sen ningún tipo de aditivo.
O programa Agrobiotech
Este encontro tivo lugar no marco do programa AgroBiotech, acelerador da innovación que durante os últimos meses permitiu a 11 pemes galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa desenvolver unha folla de ruta individualizada en función das súas necesidades e baixo a titorización dun cualificado equipo de expertos e mentores.
Grazas a este apoio as compañías puideron incrementar o seu potencial innovador, impulsar novos produtos e servizos, e acceder a financiamento a través do programa europeo Horizonte 2020 e os fondos I2C.
Ademais, a iniciativa completouse con accións de capacitación abertas a outras empresas destes sectores, que permitiron a un centenar de pemes beneficiarse de formación especializada en innovación e internacionalización; e coa celebración da Lonxa de Investidores Bio, que coa colaboración de Bioga está a axudar aos emprendedores do sector biotecnolóxico a realizar plans de negocio e presentalo a posibles investidores.
(Fonte: Tecnópole)