Este encontro é unha acción do Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole. A inscrición xa está aberta, con opcións para diferentes formatos de participación.
O evento está deseñado para xerar novas oportunidades de negocio a través da captación de clientes; o contacto con novos provedores; a apertura de novos mercados; a identificación de socios comerciais, financeiros ou industriais; e o acceso a información sobre as prioridades e necesidades da Administración galega.
Os destinatarios principais deste evento son empresas demandantes ou ofertantes de produtos, servizos ou tecnoloxía nestes tres sectores, institucións con intereses neles e clústers, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos con actividade nestes ámbitos.
Encontro multiformato
Co obxectivo de favorecer ao máximo o cumprimento das expectativas dos participantes, contémplanse diferentes actividades no programa do encontro.
Para favorecer o intercambio de coñecemento especializado, o eixe central do programa será un conxunto de relatorios, mesas redondas e talleres sectoriais de carácter práctico a cargo de expertos en cada unha das tres áreas de referencia.
Unha grande área de exposición gratuíta permitirá a empresas e profesionais mostrar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións. De maneira complementaria, habilitarse un espazo de networking para favorecer os contactos profesionais e institucionais.
Co fin de favorecer o contacto directo, programarase unha axenda de reunións “one to one”, que serán xestionadas con antelación a través dunha ferramenta web.
No ámbito concreto do emprendemento, facilitarase un espazo onde emprendedores dos ámbitos da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa poderán presentar nun formato áxil de 10 minutos os seus proxectos a potenciais investidores.
O programa completarase con visitas guiadas a empresas e centros tecnolóxicos con actividade nos sectores de referencia.
Máis información en http://www.agrobiotechinnovacion.es.
(Fonte: Tecnópole)