Máis de 200 representantes de empresas e centros de investigación dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa daranse cita os vindeiros 26 e 27 de outubro no Encontro Agrobiotech Innovación, un evento bienal que chega á súa segunda edición e que terá lugar de novo no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense).
Este encontro enmárcase no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e da Tecnópole. A súa consolidación débese ao alto grao de satisfacción comunicado polos asistentes da primeira edición, celebrada en 2015.
O evento está deseñado para compartir coñecemento sobre as últimas tendencias e innovacións nos tres sectores de referencia, para o que un nutrido plantel de expertos expoñerá casos de éxito e experiencias sobre ámbitos como os materiais de alto valor engadido obtidos da biomasa, a nutrición persoalizada, a innovación no sector vitivinícola, a sustentabilidade da produción agroalimentaria e o posicionamento de Galicia como primeira incubadora de fármacos en España.
Ademais, exploraranse as oportunidades que representan para as empresas destes sectores a compra pública innovadora, a industria 4.0 e o programa marco de financiación da innovación da UE, o Horizonte 2020. Tamén será presentado o proxecto europeo Nanoeaters, centrado nas aplicacións da nanotecnoloxía ao sector agroalimentario.
As ponencias complétanse cun amplo programa de actividades dirixidas a xerar novas oportunidades de negocio a través da captación de clientes; o contacto con novos provedores; a apertura de novos mercados; a identificación de socios comerciais, financeiros ou industriais; e o acceso a información sobre as prioridades e necesidades da Administración galega.
Contacto directo
Para favorecer o contacto directo entre as empresas participantes, haberá unha área de exposición na que se mostrarán produtos innovadores e se realizarán presentacións e demostracións. Nela será onde as dez empresas participantes no programa de aceleración empresarial Agrobiotech –complementario a este encontro– terán ocasión de dar a coñecer desde a cervexa de sabugueiro, os chourizos de cabaza e varios superalimentos ata pellets ou ferramentas innovadoras de diagnóstico clínico.
As empresas que participan nesta edición do programa de aceleración máis varias das participantes na de 2015 farán tamén unha rolda de presentacións rápidas aos asistentes, ao igual que oito proxectos galegos dos tres sectores de referencia financiados polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).
Co fin de favorecer o contacto directo, programarase unha axenda de reunións bilaterais segundo os intereses dos participantes. De maneira complementaria, habilitarase un espazo de networking para favorecer contactos de xeito máis espontáneo.
Os destinatarios principais deste evento son empresas demandantes ou ofertantes de produtos, servizos ou tecnoloxía nestes tres sectores, institucións con intereses neles e clústers, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos con actividade nestes ámbitos.