Máis de 2.000 persoas pasarán pola Galiciencia, recoñecida entre as doce actividades de referencia da Semana da Ciencia en España

Máis de 2.000 persoas visitarán a maior feira científica de Galicia, Galiciencia, entre mañá mércores e o vindeiro venres en Ourense. O evento foi recoñecido como unha das doce actividades de referencia da Semana da Ciencia en España pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Xunta de Galicia. Os participantes recibirán mañá a visita do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que fará un percorrido polos seus stands.

Durante os días 19, 20 e 21 de novembro a entidade organizadora, Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, acollerá no seu recinto de Ourense unha carpa na que 44 equipos de Secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación. Este ano, como novidade, a feira conta cunha sección especial na que expoñerán 20 equipos de Primaria.

Todos eles recibirán a visita de grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias, coa vantaxe engadida de que este ano se amplía o horario da exposición de proxectos en dúas horas, de maneira que permanecerá aberta de 10 a 13 horas pola mañá e de 15 a 18 horas pola tarde.

Este ano a representación máis numerosa na exposición de proxectos procede dos colexios de Ourense e Pereiro de Aguiar, cun total de 27 equipos defendendo as súas investigacións e inventos, entre os que se atopan os dos alumnos das Aulas Tecnópole e do campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole. A eles súmanse 15 de Vigo, 5 de Pontevedra, 4 de Cambre, 3 de Santiago de Compostela, 2 de Ferrol, 2 de San Sadurniño, 1 de Ortigueira, 1 de Teo e 4 de Barcelona.

Biotecnoloxía, agricultura, cristais e moito máis

Galiciencia chega á súa novena edición cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía en España a través de varios talleres orientados a diferentes idades. Neles os participantes experimentarán cos cristais e coñecerán cales son os procesos biotecnolóxicos tradicionais da agricultura familiar.

Estes talleres complementaranse con actividades de planetario e robótica LEGO para os máis pequenos e un obradoiro de tecnoloxías punteiras para os maiores, xunto cunha charla sobre a relación entre a ciencia e a música que poderá visualizarse online desde calquera centro educativo de Galicia e para a que se prevé un seguimento de arredor de 1.000 estudantes, o que eleva o público total da Galiciencia a máis de 3.000 persoas.

De novo, a Galiciencia contará cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira que gravarán todo o que ocorra na exposición de proxectos e nos talleres e espectáculos para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes.

Ademais, o certame volverá contar coa súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día.

Durante a clausura, ademais da entrega de premios aos mellores proxectos por categorías, darase a coñecer tamén o gañador do concurso de fotografía científica convocado no marco deste certame.