A maioría dos proxectos desta iniciativa, impulsada por Telefónica e a Xunta, procede de Vigo e A Coruña, seguidas de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración –idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento. Céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos: ocio, cultura, educación e turismo, entre ouros.
A formación estrutúrase en adestramentos individuais, dirixidos de forma personalizada a cada un dos proxectos; talleres grupais, con sesións de capacitación práctica en ferramentas, técnicas e metodoloxías relacionadas coa innovación; talleres prácticos que abordan distintos aspectos de marketing, innovación e xestión; e actividades abertas.
Nas actividades abertas poden participar todas as empresas e institucións que o desexen. Teñen diversas modalidades, entre elas as chamadas sesións inspiradoras, ‘masterclass’ interactivas e impartidas por profesionais de prestixio no ámbito da comercialización, loxística e financiamento, entre outras.
Os 50 proxectos seleccionados reciben unha axuda, achegada pola Axencia Galega de Innovación, de 2000 euros. Unha vez superada a primeira fase, os proxectos xa evolucionados poden optar a outra achega de 25.000 euros, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto.
Ademais, os proxectos que consigan esta segunda axuda poderán ter a posibilidade de acceder a un préstamo reembolsable do Igape por outros 25.000 euros.
Aplicacións moi prácticas
Débora Franco, unha das socias fundadoras de Monet, explicou que o seu proxecto, mediante unha aplicación web moi sinxela, ofrece un sistema que axuda na toma de decisións estratéxicas que afectan ás calidades da uva, contribuíndo na planificación de labores viticultores. En marcha desde marzo, conta xa con sete clientes nas denominacións galegas e ten vocación de desenvolvemento nacional e internacional.
CreAPP Cuentos é unha aplicación que permite crear historias, contos de todo tipo, e que, segundo explica Avelino Correa, rexistra miles de descargas en máis de 60 países dos cinco continentes. Ademais, remarcou que a usan máis de 50 centros educativos, e que empresas e outras institucións, como un museo, interesáronse.
Stukers é unha aplicación que facilita a busca de piso e de compañeiros cun perfil adecuado, mentres que Ephitech é unha ‘spin-off’ consistente nun simulador que permite medir, entre outras cuestións, o impacto dos fluídos nas canles, de forma que se aforra en custos e probas con material físico.
(Fonte: Europa Press)