Máis de 150 escolares pasarán ao longo deste mes polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole para participar nas tres xornadas de impulso das vocación científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. A semana pasada tivo lugar a primeira delas, que reuniu medio centenar de estudantes do Colexio Maristas de Ourense. Despois do éxito conseguido coas dúas xornadas celebradas en 2018, Tecnópole amplía así a súa participación na iniciativa “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino”, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) e na que participan 17 parques de toda España.
Os asistentes á primeira xornada aprenderon que as diferenzas de xénero non deben ser unha condicionante para elixir unha carreira académica e profesional. A xornada comezou cunha competición na que os participantes demostraron os seus coñecementos sobre a selección de 19 científicas e tecnólogas con traxectorias destacadas que forman parte da exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”.
Posteriormente, a doutora en ciencias físicas Marta Otero explicoulles que a curiosidade e a mente aberta son fundamentais para elixir unha vocación e dedicarse a ela con paixón, sen que o xénero deba interpoñerse en ningún sentido. Hoxe traballa como tecnóloga no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) e asegura que, afortunadamente, nunca percibiu que o feito de ser muller a penalizase durante a súa carreira. Non obstante, recordou varias anécdotas sobre situacións nas que algúns dos seus colegas se sorprenderon de que fose unha muller a que presentaba un traballo sobre física en congresos.
No taller sobre mundos químicos, os participantes enfrontáronse ao reto de descubrir as causas da deterioración da catedral de Santiago nun escenario ficticio no que os seus pórticos e esculturas se están a deteriorar rapidamente. Traballando en equipos, os alumnos e alumnas investigaron para descubrir, mediante os fundamentos da química, que está a provocar este problema e como pode resolverse.
Finalmente, os estudantes participaron nun taller no que, traballando en equipos liderados por rapazas, deberán formular propostas de solucións innovadoras a retos reais do Parque Tecnolóxico de Galicia identificados na Estratexia Europea 2020 da UE. Ao longo dos próximos días deberán entregar un vídeo no que expoñan as súas propostas para resolver retos relacionados co transporte, a saúde, a enerxía limpa e a bioeconomía, entre outras temáticas. As gañadoras competirán con equipos de toda España por un premio final que será entregado no certame Talent Woman, en Málaga.
Todos os participantes nas xornadas recibiron a guía “Que quero ser de maior?”, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Nas xornadas participan tanto rapazas como rapaces para contribuír á súa concienciación sobre a igualdade de xénero.
Os días 10 e 17 de outubro serán senllos grupos do Colexio Plurilingüe Divina Pastora e do IES Ramón Otero Pedrayo os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a brecha de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).
Un 6,5% cambiaron de orientación académica
A iniciativa “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino” quere contribuír a dar máis visibilidade e aumentar a capacidade de atracción dos estudos da rama científico-tecnolóxica entre o público feminino máis novo. Como resultado da primeira edición, na que tamén participara Tecnópole, un 6,5% das alumnas participantes que non contemplaban esta opción mostráronse decididas a cursar carreiras STEM.
En total, as actividades, que contan co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, chegarán nesta edición a máis de 2000 escolares de todo o país entre outubro e novembro.
(Fonte: Tecnópole)