A Axencia Galega da Industria Forestal, a través da Consellería de Medio Rural, destina este ano 9 millóns de euros en axudas orientadas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamiento, mobilización e comercialización de produtos. Esta convocatoria establece por primeira vez cinco liñas definidas para asegurar o investimento en maquinarias para a silvicultura, para o aproveitamento comercial da castaña e da resina ou para a clasificación estrutural de madeira. O principal obxectivo é impulsar a industria forestal-madeira e mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas.
A primeira liña comprende todo o relativo á xestión forestal activa, un alicerce fundamental en materia de desenvolvemento rural. Refírese aos tratamentos silvícolas, que conducen cara á creación dun conxunto de árbores con condicións excelentes para obter produtos de valor engadido. Deste xeito, está dirixida á maquinaria necesaria para levar a cabo operacións silvícolas, como procesadoras e taladoras.
A segunda refírese á madeira e biomasa, relacionada co acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla, con maquinaria como autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, así como procesadoras, taladoras e outros equipamentos de talla. Tamén poden ser obxecto de axuda a maquinaria específica, apeiros e implementos que permiten un aproveitamento comercial de biomasa forestal no monte, astilladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.
A terceira liña dedícase á maquinaria específica ou equipamentos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte, así como ao acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación. Esta liña tamén vai dirixida a bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina.
Polo que respecta á liña dedicada ao valor engadido na primeira transformación da madeira é a primeira vez que se inclúe unha sección específica dirixida a posibilitar a compra de equipos portátiles para a clasificación estrutural de madeira, para a maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade da materia prima e de produtos serrados intermedios ou finais. Tamén para maquinaria e instalacións destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada.
A quinta liña abrangue os plans e ferramentas de xestión empresarial, dirixida á implantación da cadea de custodia de madeira certificada e/ou normativas de calidade ou garantía, marcado CE e plans de mellora de xestión empresarial.
Os investimentos subvenciónanse cunha axuda do 40% dos gastos elixibles. A axuda máxima limitarase por solicitante aos 200.000 euros para as liñas 1 e 4; 50.000 euros para a liña 5 e a 150.000 euros para as liñas 2 e 3.
Fonte: La Voz de Galicia