Madera Plus organiza en Tecnópole unha xornada de transferencia sobre ferramentas de caracterización do recurso forestal-madeira

Madera Plus organiza o próximo 10 de xullo en Tecnópole unha xornada sobre o impacto da innovación nas empresas de transformación da madeira. En concreto, abordarase a aplicación das ferramentas de caracterización do recurso forestal-madeira.

O sector forestal e da madeira de Galicia forma parte dun mercado globalizado altamente competitivo no que o uso do recurso se optimiza segundo os requisitos de calidade esixidos polo cliente (propiedades mecánicas, químicas, etc.). O aproveitamento e procesado da madeira local é máis eficiente se se coñece previamente o estado “tecnolóxico” da masa forestal, en canto a propiedades da fibra, produtividade, sanidade, biodiversidade, etc.

Nesta xornada mostraranse ferramentas tecnolóxicas desenvolvidas no marco dos proxectos europeos TopWood e MySustanibleForest para identificar a calidade do recurso, optimizar a xestión e clasificar a materia prima. O uso destas ferramentas permite dirixir a produción cara a produtos de maior valor engadido (madeira estrutural, pulpa de calidade, extractos, biofibras, etc.) e optimizar o rendemento económico da cadea.

Así, preséntanse métodos para avaliar propiedades tecnolóxicas da madeira, medindo sobre a árbore en pé e sobre trozas e ferramentas de predición remota baseadas no desenvolvemento de modelos a partir do procesado de datos satelitales, LIDAR, datos climáticos, loxísticos, económicos, etc.

Estas ferramentas permiten ademais facer seguemento na masa forestal da influencia do cambio climático en aspectos fundamentais como a biodiversidade, a produtividade, a supervivencia e as afeccións ou pragas.

Os diferentes actores da cadea achegarán o seu punto de vista e necesidades, xerando un debate entre organismos de investigación, empresas tecnolóxicas, propietarios, madeiristas e industria. As conclusións permitirán orientar esforzos cara ás áreas onde estas ferramentas poden proporcionar o maior valor engadido ao sector.

A xornada terá lugar a partir das 9.30 horas no edificio CEI de Tecnópole. Os interesados en inscribirse poden facelo escribindo a maderaplus@maderaplus.es.

(Fonte: Madeira Plus)