Deseñar, construír e facer voar un avión é un reto imposible para a gran maioría, pero un soño ao alcance de 27 alumnos do campus de Ourense que levan meses traballando na fabricación dunha aeronave de á fixa non tripulada de nome CORV-0 que o vindeiro verán voará ceo alemán. O equipo, integrado por estudantes de Enxeñaría Aeroespacial, Enxeñaría Informática e o dobre grao de ADE e Dereito, ultima o proxecto polo que foron seleccionados para participar no Air Cargo Challenge, a competición universitaria de enxeñaría aeronáutica máis importante de Europa, que se celebrará en Múnic en xullo de 2022 e reunirá a 30 das mellores universidades do mundo.
O modelo que construirán para a competición é practicamente igual ao prototipo que os estudantes ensamblaron nos laboratorios do CITI, na Tecnópole. Nos vindeiros meses realizarán as primeiras probas de voo contando co club de aeromodelismo de Ourense. Ademais, un dos integrantes do equipo formarase como piloto para poder dirixilo na competición, que consistirá na realización de circuítos e xiros. Tamén se valorará a inspección técnica da aeronave e a enxeñaría do deseño.
O CORV-0 é un avión lixeiro, de 3,8 quilos con capacidade para transportar 1,2 quilos, polo que, en conxunto non excede os 5. Pode voar a 90 km/h e ten unha autonomía a máxima potencia de 5 minutos e 53 segundos, e de 10 minutos a velocidade cruceiro.
Fonte: Faro de Vigo