A compañía Lincbiotech, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, lidera un proxecto europeo para desenvolver moléculas que freen enfermidades graves tras obter un financiamento de 3 millóns. Contará, como socio, coa participación do Grupo de Neuroenvellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), ademais de catro entidades de Bélxica, Portugal e Reino Unido. A investigación centrarase en analizar a eficacia das novas moléculas en estudos in vivo e in vitro e verificará o seu potencial para o tratamento do pé diabético.
“O que estamos a facer é utilizar un mecanismo natural das células para eliminar proteínas que xa cumpriron a súa función e que por un exceso de presenza estean a causar procesos inflamatorios que levan a enfermidades graves”, explica o CEO da firma, Juan Sebastián Ruiz-Constantino. A diabetes -prosegue-, evita entre outras consecuencias que o proceso de cicatrización natural se produza en condicións normais. Así, quenes padecen pé de diabético teñen feridas que non acaban de pechar, o que conduce a complicacións moi severas, como infeccións.
Este mal afecta ao 25 por cento das persoas que sofren diabetes e nunha elevada porcentaxe deriva na hospitalización e a amputación das extremidades inferiores. Aproximadamente o cinco por cento falece un ano despois dos primeiros síntomas da enfermidade e esta porcentaxe sobe até o 42 por cento aos cinco anos do inicio dos síntomas.
Este proxecto que encabeza Lincbiotech levarase a cabo por medio da convocatoria Pathfinder Open 2022, que conta cun orzamento de 180 millóns e financia iniciativas que propoñen a aplicación de tecnoloxía de última xeración para o desenvolvemento de solución innovadoras. É a primeira vez que esta axuda do European Innovation Council recae nunha biotecnolóxica con sede en Galicia.
Lincbiotech está especializada no desenvolvemento de solucións innovadoras para un mellor manexo clínico de pacientes que sofren enfermidades altamente prevalentes como o ictus, a enfermidade de Alzheimer e outras condicións médicas non cubertas.
Fonte: El Correo Gallego