A hidrólise do ovo, unha técnica ideada por científicos españois que permite fabricar alimentos sans e moi proteicos pero sen graxas nin azucres, chega agora ao mercado da man da empresa familiar galega Granja Campomayor.
Saúde, como bautizan a este novo alimento segundo informa Efe, xurdiu nos laboratorios do Instituto de Investigación en Ciencias da Alimentación do CSIC, da man das investigadoras Marta Miguel e Marta Garcés.
En 2012, estas científicas idearon a hidrólise enzimática do ovo, un proceso que permite romper as proteínas da clara do ovo en fragmentos de menor tamaño, “algo similar ao que acontece durante a dixestión gastrointestinal”, explicou Garcés na rolda de prensa de presentación do produto.
“Este proceso, ademais de facilitar a dixestión, permite obter uns péptidos coas mesmas propiedades e os aminoácidos do ovo, pero con texturas diferentes. O resultado é un alimento novo coas mesmas propiedades e nutrientes que o ovo, pero sen graxas saturadas, sen lactosa e sen azucre”.
E aínda que este novo alimento está creado a partir do ovo, non ten nin sabor, nin olor, nin cor, e permite conseguir todo tipo de texturas, practicamente as mesmas que se obteñen co leite e derivados lácteos pero sen o produto.
O resultado é algo parecido ao leite “que non sabe nin a leite nin a ovo”, o que o converte nun ingrediente “versátil”, perfecto para fabricar doces e salgados, como iogures, batidos, cócteles, untables, xeados, natas e salsas ou snacks crocantes pero saudables, sinalou Miguel.
A vantaxe de todos eles é que son sans, proteicos pero ao non ter graxas, azucres nin lactosa, son adecuados para persoas con exceso de peso, intolerancias ou alerxia ás proteínas do leite, e para os que teñen necesidades nutricionais específicas como nenos, persoas de idade avanzada ou deportistas.
Patentado polo CSIC, o produto foi adquirido por unha empresa estadounidense que agora vendeu unha licenza á empresa familiar galega Granja Campomayor, que dende hai dous anos xa comercializa ovos a baixa temperatura, premios Salón do Gourmet 2017 e Innovación de Produto 2018, entre outros galardóns.
Con sede en Lugo, a firma empezará comercializando Saúde como ingrediente para a hostalería e no próximo trimestre espera sacar produtos de venda directa para o consumidor como iogures e batidos, que terán “formatos e prezos similares aos que están fabricados con lácteos”, avanzou a responsable da compañía, María García Bustos.
Fonte: El Correo Gallego