La Caixa e o CDTI lanzan un novo fondo de capital risco para impulsar as empresas biotecnolóxicas en España

A entidade financeira La Caixa, a través da súa xestora de capital risco, Caixa Capital Risc, lanzou un novo vehículo de investimento, Caixa Innvierte BioMed II, en colaboración co Ministerio de Economía e Competitividade, a través do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), no marco da iniciativa INNVIERTE.

O seu obxectivo é cubrir a necesidade de investimento nas etapas de crecemento de empresas do sector das ciencias da vida en España e acompañalas ata o seu seguinte estadio de maduración. O vehículo investirá no capital de cada compañía un mínimo de 500.000 euros e un máximo de 4,5 millóns de euros. Estímase que o investimento medio por operación será de 2,5 millóns de euros.

Caixa Innvierte BioMed II terá un volume de investimento de 35 millóns de euros, cantidade achegada maioritariamente por Criteria CaixaCorp e o CDTI. Tamén contará con participacións minoritarias de VidaCaixa, Institut Català de Finances (ICF) e Laboratorios LETI.

Coa constitución deste novo vehículo, a xestora de capital risco de La Caixa pasa a xestionar un total de cinco sociedades de investimento con volume de investimento total de 103 millóns de euros.

Estes fondos están especializados en sectores recoñecidos polo seu alto potencial de crecemento. Concretamente, Caixa Capital Risc inviste en empresas de ciencias da vida, cos vehículos Caixa Capital BioMed e, agora, Caixa Innvierte BioMed II; en tecnoloxías dixitais (software corporativo, equipos de comunicacións, negocios de Internet e mobilidade), con Caixa Capital TIC; e en tecnoloxías industriais (novos materiais, sustentabilidade, tecnoloxía para procesos, etc.), co fondo Caixa Innvierte Industria. A xestora conta cun quinto vehículo, Caixa Capital Micro, un instrumento de micro capital risco para proxectos de todos os sectores que se atopen na súa fase de desenvolvemento inicial.

Caixa Capital Risc creou o seu primeiro fondo especializado no sector da biotecnoloxía a finais de 2011, con Caixa Capital BioMed. Dende entón, investiu un total de 14 millóns de euros en 13 compañías, que captaron máis de 18 millóns en investimento privado nacional e internacional aos seus proxectos empresariais.

As compañías participadas por este primeiro fondo de ciencias da vida operan no sector biosanitario, basicamente en diagnóstico e terapia en enfermidades infecciosas, neurodexenerativas e cardiovasculares, así como en tecnoloxía médica.

A partir de agora, Caixa Capital BioMed finaliza o seu período de investimento e centrarase na creación de valor das súas compañías participadas. Os novos investimentos no sector canalizaranse a través do novo fondo Caixa Innvierte BioMed II.

Segundo o último informe da Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO), España é a novena potencia mundial e a quinta a nivel europeo en produción científica, un sector que en 2013 supuxo o 7,15% do PIB español. Durante o pasado ano, investíronse no sector en España preto de 32 millóns de euros nun total de 12 compañías, a través de fondos de capital risco e de investidores privados.

(Fonte: Innovamás)