Keybiological, innovación galega no uso do ozono

Jorge García e Juan Fernández estudaron Bioloxía xuntos e despois de colaborar en diversos proxectos profesionais, decidiron dar o salto. A mediados do 2016 nacía Keybiological, unha empresa radicada en Vigo que se dedica á fabricación de aceites vexetais peroxidados con ozono, á comercialización de suplementos alimenticios e cosmética de ozono e á distribución de equipamentos xeradores de ozono médico. E agora, coa crise sanitaria do coronavirus, tamén contribúen a combater a pandemia e, de feito, puxeron a disposición das empresas os seus aceites e xabóns desinfectantes e os seus ozonizadores de ambiente a través do Market Place do Igape.
 
“O paso a vender ozonizadores de ambiente foi sinxelo”. Explícao Juan Fernández, que se dedica á xestión comercial e económica, a novos proxectos e ao desenvolvemento de marca, mentres que Jorge García está á fronte da parte técnica, do laboratorio e a xestión de compras e vendas. En só dúas semanas, Keybiological distribuíu uns 80 aparellos que se utilizan para a desinfección de ambientes. Tamén a súa vertente cosmética serve para loitar contra a pandemia. “Para a desinfección das mans ou outras zonas do corpo os nosos aceites presentes na gama Activozone en formato aceite tópico ou xabóns posúen a potencia suficiente para evitar o contaxio” deste virus, explica Fernández. A través dun sistema de produción patentado e único fabrican o seu aceite ozonizado.
 
O desenvolvemento da exclusividade de fabricación permitiu cambiar máis profundamente a estrutura molecular dos seus aceites, o que consegue que sexan máis lixeiros e á vez máis potentes e eficaces. E ademais controlan o tempo, a viscosidade, o índice de peroxidación, a acidez, a temperatura e sobre todo o nivel de difusión, “para que o resultado sexa diferente para cada produto, adaptando as funcionalidades ao obxectivo que se pretende”, explica Fernández.
 
Os aceites con altas porcentaxes de peroxidación teñen propiedades antisépticas, mentres que as concentracións máis baixas utilízanse para a cicatrización e o tratamento de mucosas. “O ozono é a substancia oxidante de superficie máis potente que existe”, remarca Fernández. É daniño? “É daniño se o respiras”, remarca o responsable de Keybiological, que subliña tamén as propiedades na rexeneración da flora bacteriana da pel e a súa utilización por exemplo na eliminación de cheiros e en cámaras frigoríficas para a conservación de alimentos como froitas, por exemplo. “Como desinfectador de ambientes e de superficies é o mellor que hai”.
 
Con presenza no mercado europeo, latinoamericano e proximamente o asiático, ao redor dun centenar de persoas traballan actualmente directa ou indirectamente no proxecto Keybiological. O ano pasado xeraron unha cifra de negocio a través da súa rede de colaboradores por enriba dos tres millóns de euros. Os seus ozonizadores, ademais, serán utilizados nun estudo sobre a utilidade da aplicación de ozonoterapia en pacientes con coronavirus, en colaboración cunha rede de hospitais privados.
 
Ademais destes proxectos, Keybiological está de lanzamento con tres aceites novos, con peroxidaciones diferentes “e traballamos en novos produtos para o tratamento concreto de patoloxías e con formatos innovadores”, que aínda non poden ser desvelados, revela Fernández.
 
Fonte: La Voz de Galicia