A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia -institución que preside a sociedade xestora do Parque- acaba de nomear a Javier Taibo Gallego novo director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, en substitución de Ricardo Capilla.
Javier Taibo realizou estudos de Física na Universidade Autónoma de México, pero desde os seus inicios estivo traballando en telecomunicacións e formación tecnolóxica. En México foi Director Xeral de Netec; Director Conselleiro da Unidade de Negocio, Director de Enxeñaría de Sistemas e Director de Formación e Consultoría de Intersys México S.A. No país o seu principal logro foi o deseño e construción do primeiro backbone corporativo de Petróleos Mexicanos, chegando até as plataformas mariñas con voz, datos e videoconferencia.
Xa en España, desempeñou o cargo de Director Corporativo de Mercados e Tecnoloxía en Soluziona (hoxe integrada en Indra). Desde 2005 traballou en Egatel -empresa situada en Tecnópole-, onde exerceu como Director de Vendas Internacional e en 2012 foi nomeado Director Xeral, logrando situar á empresa no mercado internacional e que fose unha marca recoñecida a nivel mundial para a difusión de sinais de televisión terrestres, así como comunicacións satelitais.
Foi membro de comité de dirección do Clúster TIC Galicia, membro do comité de dirección de AMETIC, patrón de Gradiant e vicepresidente de INEO.
O novo director xerente de Tecnópole manifesta que esta nova etapa representa para el “un reto” que afronta “cunha enorme ilusión”. A súa primeira gran tarefa será desenvolver un plan de negocio plurianual, que realizará tras manter encontros cos traballadores, coa Xunta de Galicia e demais socios da sociedade xestora, así como coas empresas do Parque. “Necesito testar que espera cada un dos interlocutores, reunir as ideas de todos eles para aliñalas nunha estratexia común”.
Javier Taibo amósase moi positivo en relación ao futuro económico de España. “Intúo que vai vir un momento moi favorable, de crecemento para o noso país, derivado dos fondos europeos NextGeneration, que apoiarán proxectos ecolóxicos e dixitais” -destaca-. E indica que “a miña intención é estar preto dos foros e dos círculos empresariais onde se poidan xestar eses proxectos para incorporalos a Tecnópole”.
Fonte: Tecnópole