Investigadores mozos adestrados na Tecnópole presentan o prototipo de sonda espacial co que competirán na Universidade de Standford

Unha sonda espacial, un armario intelixente, un sistema de produción de enerxía mediante biomasa e varias aplicacións para a web 3.0 son os proxectos que medio cento de investigadores mozos e futuros tecnólogos presentaron esta tarde na Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia-.

nDurante o acto, que contou coa presenza do director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, os estudantes mostraron os seus prototipos e maquetas e defenderon o traballo realizado ata o de agora coincidindo co final do curso escolar, aínda que seguirán desenvolvéndoos ata o remate do ano.

nO medio cento de estudantes de entre 14 e 17 anos de institutos de toda a provincia de Ourense que participan nesta iniciativa piloto de desenvolvemento de capacidades científicas e innovadoras reuníronse cada xoves pola tarde desde o mes de xaneiro na Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Alí deseñaron e foron avanzando nos seus proxectos coa axuda e supervisión de científicos e investigadores das tres Universidades galegas e dos expertos da empresa Intellectia Bank, coordinadora da iniciativa xunto coa Tecnópole, onde desenvolve a súa actividade.

nOs promotores da iniciativa anunciaron a posta en marcha, coincidindo co inicio do novo curso escolar en setembro, dun Laboratorio de Intelixencia dedicado a Sistemas de Razoamento e dun Laboratorio de Intelixencia Educacional, que que servirán de soporte á ampliación da actividade do Programa Aulas de I+D.

nO próximo vicerreitor de Internacionalización da Universidade de Vigo, Manuel José Fernández Iglesias, participou no evento expoñendo o proxecto internacional no que o seu grupo de investigación está a participar co obxectivo de deseñar a escola do futuro. Este proxecto está a ser desenvolvido por un consorcio formado por arredor de trinta empresas e universidades europeas e conta co financiamento do VII Programa Marco de I+D da UE.

nUnha sonda espacial para chegar a Standford

nOs 49 rapaces e rapazas distribúense por equipos entre os dous programas que compoñen a acción: ‘Novos Científicos’ e ‘Aulas de I+D’. Os obxectivos destes programas de adestramento xuvenil, que a partir do ano que vén está previsto estender a estudantes de toda Galicia, é impulsar a súa iniciativa introducindo aos alumnos nunha metodoloxía de investigación ben definida e fundamentada e abrirlles a mente sobre a súa capacidade emprendedora e de innovación, ensinándolles a utilizar as competencias científicas e técnicas precisas, así como a importancia das habilidades humanas e de liderado como complemento das anteriores.

nCinco dos sete equipos que participan no programa ‘Novos Científicos’ traballan coordinadamente en distintas fases do proxecto ‘AIRSat 2’, que consiste no deseño e construción dun prototipo de sonda espacial con capacidade de descenso automático. O obxectivo é participar no Certame ARLISS que organiza anualmente a Universidade de Stanford en Nevada (Estados Unidos), no que cada outono compiten universidades de todo o mundo. Durante a xornada celebrada hoxe déronse a coñecer os nomes dos alumnos que viaxarán a Nevada, seleccionados polos formadores por destacar na súa dedicación e aptitudes.

nA sonda debe cumprir todos os requisitos definidos polos organizadores do certame, partindo da base de que sexa capaz de descender de xeito automático desde 4 kilómetros de altura até un punto de aterraxe previamente definida, cunha precisión de 25 metros. Os estudantes construiron xa un prototipo para medir, entre outras cousas, a velocidade de descenso e a forma máis adecuada para garantir a estabilidade en voo.

nOutro dos equipos está a traballar no proxecto dun armario intelixente, centrado no deseño dunha solución doméstica de alta tecnoloxía para o almacenamento e a selección de pezas de vestir, combinando os gustos do usuario con condicionantes externos como a meteoroloxía. A investigación, que trata de afondar en aspectos como a relación entre a teoría física da cor e os gustos das persoas, ten como obxectivo a construción dun prototipo totalmente funcional.

nO grupo restante está a desenvolver un sistema de produción de enerxía baseado na biomasa para cubrir o consumo enerxético habitual das vivendas e estudar a súa eficiencia e as condicións que necesita para obter un mellor rendemento.
n  
nOs sete grupos participarán cos seus proxectos no Certame Nacional de Novos Investigadores, promovido polo Instituto de la Juventud (Injuve) do Ministerio de Igualdad e polo Consejo de Universidades do Ministerio de Educación e que se celebrará entre finais de setembro e principios de outubro. Ademais, expoñerán os seus proxectos de investigación na próxima edición da Galiciencia -a maior feira científica de Galicia, organizada pola Tecnópole en novembro- e outras feiras e concursos estatais e internacionais.

nA internet do futuro

nSimultaneamente estase a desenvolver o programa ‘Aulas de I+D’, máis orientado ao adestramento dos estudantes en habilidades innovadoras para desenvolver ideas e deseñar proxectos directamente aplicables a actividades produtivas, comerciais, de negocio ou de servizos, que serán expostos tamén na Galiciencia.

nOs seis equipos integrados neste programa están centrados no desenvolvemento de aplicacións para a internet do futuro: a chamada web 3.0 ou web semántica, que permitirá unha xestión intelixente e automática da información en internet baseada no significado dos datos que circulan pola rede.

nUn dos proxectos consiste no desenvolvemento dunha aplicación a modo de axenda de estudos, a axenda ‘Avatar-Tech’, que se poida ter na ‘nube’ –‘colgada’ en internet- e, polo tanto, accesible desde calquera dispositivo a través da web. Nela introdúcense os conceptos ou as relacións de conceptos sobre os que interesa ter información e a aplicación inicia un proceso de busca na rede para atopar a documentación que máis se axusta aos criterios definidos polo estudante. Así, se quere preparar un traballo sobre a relación entre a economía e a demografía de España no século XIX, o alumno dalle a orde á axenda na escola e cando chega á casa xa ten toda a documentación lista para traballar con ela.

nA partir desta idea os estudantes iniciaron a elaboración de repositorios dixitais de documentación que o día de mañá poidan alimentar plataformas ligadas á web semántica, como a da axenda, na que a información volcada teña asociados os metadatos de significado necesarios para facer buscas mediante intelixencia artificial. Polo de agora traballaron con seis áreas de coñecemento: multimedia e entretemento; física, quimica e bioquimica; matemáticas, electricidade e mecánica; tecnoloxías creativas; biomedicina e saúde; e web 2.0.

nA experimentación sobre as utilidades das redes sociais no entorno profesional é outro dos ámbitos nos que traballaron os estudantes, que testaron as redes sociais que eles usan no seu entorno persoal desde a perspectiva do seu potencial como ferramentas de traballo, principalmente para compartir coñecemento e para levar a cabo accións de márketing viral.
n