O grupo do CiQUS da Universidade de Santiago (USC) que dirixe José Martínez-Costas alcanza un novo fito científico. A Asociación Española contra o Cancro (AECC), a través da súa Fundación, selecciona a investigación sobre a vacina para a inmunoterapia da melanoma como parte do seu programa Ideas Semente. O equipo do CiQUS disporá de 20.000 euros durante dous anos para avanzar neste proxecto que explora novas posibilidades das microesferas de proteínas, cuxa efectividade en vacinas antivíricas foi probada con éxito e ocupa na actualidade o eixo de investigación dunha vacina contra a COVID na que traballa o grupo.
“No noso laboratorio creamos e desenvolvemos un método moi novo, simple, barato e rápido, para producir partículas de proteína (a escala nanométrica) e demostramos que funciona moi ben como vacina antivírica sen necesidade de usar adxuvantes químicos”. Así explica José Martínez-Costas o punto de partida da súa investigación.
Trátase dunha metodoloxía patentada polo propio CiQUS que permite producir vacinas contra calquera patóxeno. “Nesta nova proposta, financiada pola AECC, queremos comprobar se estas partículas poden utilizarse tamén como vacinas anticancro, en particular contra a melanoma”, engadiu.
O equipo do CiQUS contará coa colaboración dun grupo da Axencia Reguladora de Medicamentos e Produtos Sanitarios do Reino Unido que lles axudará a caracterizar o tipo de resposta inmune que producen estas microesferas, a través dun modelo de experimentación en roedores no que medirán a resposta inmune que producen as partículas.
Fonte: La Opinión