Investigadores galegos avanzan na ciencia básica de células nai

As células nai son unha ferramenta moi prometedora no campo da biomedicina en xeral e na rexeneradora en concreto. A revolución chegou cando se descubriu que é posible utilizar células embrionarias para tratar diferentes enfermidades, desde unha paraplexia, un cancro e unha cegueira.

“Xa existen ensaios clínicos que son capaces de recuperar a vista en pacientes cegos. A aplicación médica ten moitas posibilidades. O problema é que son tan poderosas que se poden descontrolar e dar lugar a tumores. Por tanto existe un risco importante que está a limitar o desenvolvemento desta tecnoloxía médica”, recoñece Miguel Fidalgo, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da USC. “Isto pon de manifesto a importancia da ciencia. Necesitamos coñecer como funcionan antes de pensar nunha aplicación”, engade.

Investigadores galegos do Cimus que estudan os mecanismos moleculares básicos das células nai relacionaron por primeira vez o seu comportamento cos chamados ritmos circadianos, que existe en todos os seres vivos e que no caso dos humanos segue un ciclo de 24 horas que marcan o día e a noite e que se canaliza a través da vista e o cerebro.

“Tamén se descubriu que este reloxo biolóxico funciona en todas as células e que é moi importante para que funcionen ben. Se este ciclo circadiano falla aparecen alteracións e pode xerar cancro, obesidade, diabetes e trastornos psicolóxicos”, sostén Fidalgo.

O que se descubriu é que estes ritmos existen nas células nai adultas, pero non nas embrionarias, que darán lugar ao resto de células que conforman o organismo e a gran pregunta que os científicos galegos están a tratar de pescudar é por que. “O que nós descubrimos é que esta maquinaria circadiana non é esencial para estas células pero si para que poidan producir o resto que hai no corpo humano. Isto permítenos avanzar no coñecemento desta ciencia tan prometedora”, conclúe.

Fonte: La Voz de Galicia