Investigadores españois patentan un revolucionario material capaz de autorrepararse

Investigadores da Universidade de Alacante (UA) desenvolveron e patentaron un novo tipo de resina que é capaz de autorrepararse sen apenas notar a diferenza entre as partes unidas.

É o resultado dun proceso físico que se pode repetir unha e mil veces e que poderá utilizarse en sectores como a sanidade (xa que non ten compoñentes tóxicos químicos), cosmética ou industrial.

O equipo que fixo posible o desenvolvemento do novo material forma parte do Laboratorio de Adhesión e Adhesivos pertencente ao Departamento de Química Inorgánica da UA. Neste grupo de investigación atópase Andrés Jesús Yáñez Pacios, químico e investigador predoutoral; José Miguel Martín Martínez, catedrático de química inorgánica e director do grupo de investigación; e José Antonio Jofre Reche, enxeñeiro químico e industrial que explicou o proxecto a innovaspain.com.

Respecto á simpleza da súa rexeneración, e á ausencia de calquera axente externo para a súa recuperación, Jofre explicounos que “esta propiedade se debe ao deseño dunha estrutura supramolecular baseada nunha rede de enlaces físicos reversibles, o que fai que estes se poidan volver formar tras romper debido a tensións ou esforzos mecánicos.

Estrutura intelixente

Esta estrutura intelixente do material fai que ademais presente memoria de forma, é dicir, o material recupera completamente a súa morfoloxía inicial tras producirse unha gran deformación plástica en tan só uns minutos, o que fai que o material sexa capaz por si só de volver poñer en contacto as partes seccionadas tras unha rotura e rexenerar a unión, ata o punto de que, transcorridas unhas horas, o material reparado presenta idénticas propiedades que o material antes de producirse a rotura”.

Jofre tamén nos contou como empezou todo: “durante os experimentos que se realizaban para determinar as prestacións de material que se quería obter, decatámonos de que as mostras fragmentadas durante a determinación da súa resistencia mecánica se volvían recompoñer, sendo mesmo difícil en ocasións diferenciar as mostras que xa foran fragmentadas das que non. Polo tanto, poderíase dicir que a idea xurdiu de forma casual, por sorte”, asegurou.

Iso non quita que non traballaran na resina, é máis, durante un ano e medio os tres investigadores tiveron que dedicarse especificamente a diferentes estudos desta nova materia, como os seus mecanismos físico-químicos ou as condicións nas que se producía a autorrexeneración.

Unha das grandes vantaxes desta resina é a súa posible aplicación ao campo da biomedicina. Jofré asegurou que “un dos campos de aplicación onde máis revolucionario pode ser o material é precisamente no ámbito da biomedicina, xa que é un material totalmente biocompatible. Ademais, ao non se producir a autorreparación por reaccións químicas nin necesidade de aditivos, non existe risco de toxicidade.

Iso fai que poida ser utilizado para a construción de implantopróteses de diversos tipos (próteses mamarias, catéteres, válvulas coronarias, etc.)”. Así, en caso de rotura, non faría falta unha intervención cirúrxica, senón que se repararía de forma automática, un adianto importante neste sector. Ademais, “actualmente non hai ningún material biocompatible” con propiedades autorreparadoras que poida ser utilizado en aplicacións biomédicas”, subliñou Jofre.

(Fonte: Innovaspain)