As xemas laterais da maioría das especies leñosas de zonas mornas e frías non xermolan durante a tempada na que se forman. Estas xemas, denominadas prolépticas, permanecen latentes e non crecen ata a primavera seguinte.
Non obstante, no chopo e algunhas outras especies de salicáceas, así como en moitas especies tropicais, algunhas xemas laterais xermolan silepticamente, é dicir, crecen durante a mesma tempada na que se forman.
Deste xeito, a ramificación siléptica é capaz de aumentar o número de ramas, a área foliar e en xeral o crecemento da árbore, en especial nos seus primeiros anos.
Con esta base, investigadores da UPM utilizaron un procedemento biotecnolóxico para modificar os niveis de expresión do xene RAV1 (Related to ABI3 and Viviparous 1) que incrementa o desenvolvemento de ramas silépticas en especies leñosas. Así, os investigadores conseguiron aumentar a produción de biomasa dunha plantación de chopo.
Este procedemento de modificación xenética, é potencialmente aplicable a calquera especie leñosa e polo tanto permite aproveitar as características adaptativas da devandita especie a un determinado hábitat.
Estes resultados teñen un grande interese para o mercado enerxético. Na medida en que se aseguren rendementos de produción sustentables de biomasa de especies leñosas, que non afecta á demanda de alimentos, poderán mitigarse os efectos do quentamento global así como mellorar a seguridade enerxética.
(Fonte: notiweb)