Investigadores españois colaboran no desenvolvemento dun novo tipo de madeira resistente ao lume

A madeira foi, dende sempre, un dos materiais máis inflamables na natureza. Aínda que é un dos produtos máis ecolóxicos que hai, é capaz de xerar gran cantidade de calor -ata 25.000 kcal/m2.min-, por este motivo usouse tradicionalmente en chemineas, braseiros e no quentamento do fogar.

Pois ben, tras varios anos de estudos, un grupo de investigadores conseguiu dar coa solución ao desenvolver un novo tipo de madeira cunha maior resistencia ao lume, á humidade e aos fungos, ao mesmo tempo que evita o emprego de recubrimentos e adhesivos químicos que poidan potenciar aínda máis a combustión.

Trátase do proxecto europeo “LimoWood”, a través do cal se conseguiu implementar un novidoso material anti inflamable para ser utilizado en revestimentos e mobles, obtido a partir de escouras da industria madeireira e termoplásticos reciclados.

Tras dous anos de traballo, o resultado da investigación foi enormemente satisfactorio. Durante este período, realizáronse diversas probas con diferentes formulacións químicas e proporcións dos compoñentes, para elixir a mellor combinación de materiais.

Grazas a este detallado estudo de produtos retardantes da chama e compostos funxicidas, conseguiuse a máxima clasificación en ensaios de resistencia ao lume, así como un bo comportamento funxistático e funxicida.

Proxecto europeo

Neste proxecto, que está financiado polo VII Programa Marco de I+D da Unión Europea participan sete socios de catro países, entre o que se atopa o Instituto Tecnolóxico de Aragón (ITA), e as empresas españolas Javal e Inspiralia.

O material LimoWood inclúe unha porcentaxe considerable de compoñentes reciclados, tanto da industria da madeira coma do plástico, que constitúe unha contribución á mellora da sustentabilidade ambiental. O seu comportamento ao lume permite substituír materiais contaminantes como o policloruro de vinilo (PVC).

Por este motivo, as expectativas para a comercialización do produto son moi elevadas, xa que o segmento ao que afecta directa ou indirectamente é moi amplo: hostalería, oficinas, educación, espazos de traballo, culturais, etc.

Todo iso convérteo nun innovador elemento perfectamente axeitado aos estándares actuais da industria de fabricación de revestimentos e mobiliario, á vez que impulsa o compromiso do sector con solucións máis ecolóxicas e saudables dando cumprimento ás directivas europeas na materia.

(Fonte: Innovaspain)