Investigadores dunha empresa de Tecnópole participan no proxecto sobre a artrose que conseguiu a Axuda Merck Serono

Investigadores da empresa de base tecnolóxica Trabeculae, que iniciou a súa actividade na Tecnópole en 2006, participan no proxecto que se fixo coa única Axuda Merck Serono de Investigación 2009 na categoría de Patoloxía Osteoarticular. O obxectivo deste traballo de I+D é a optimización do tratamento da enfermidade reumática máis extendida entre a poboación na actualidade: a artrose.

nO grupo de investigación deste proxecto, no que Trabeculae achega técnicas punteiras de imaxe médica, competiu con outros de toda España pola axuda concedida pola Fundación Salud 2000. As análises vinculadas a esta iniciativa levaranse a cabo mediante microtomografía computarizada (micro-TC), unha tecnoloxía de última xeración para adquisición e análise de imaxe radiográfica en 3D que actualmente só ofrece Trabeculae en toda España.
n
nA investigación premiada ten como obxectivo a avaliación da magnitude dos cambios producidos tanto no cartílago coma no óso subxacente –o denominado óso subcondral- pola artrose, unha enfermidade que en España lle afecta a máis dun 15 por cento da poboación maior de vinte anos e que se produce polo desgaste do cartílago, un tecido que funciona como amortiguador, protexendo os extremos dos ósos e favorecendo o movemento da articulación. Este desgaste provoca que os ósos friccionen entre eles, o que se traduce en dor, hinchazón e perda de movemento. Co tempo, aparecen malformacións e a rotura de anacos de óso produce aínda máis danos e dor.
n
nOs investigadores de Trabeculae avaliarán tamén, no marco deste proxecto, os efectos do tratamento con dous compostos diferentes, a glucosamina e o risedronato, e o efecto conxunto dos dous fármacos. Para este estudo utilizarase un modelo animal de coello, comparando as articulacións de animais aos que se lles induciu artrose con animais sans utilizados como grupo de control.
n
nA importancia de optimizar os tratamentos para paliar esta doenza radica en que, segundo recentes datos da Sociedade Española de Reumatoloxía (SER), os tratamentos contra a artrose representan actualmente o equivalente ao 0,5% do Produto Interior Bruto (PIB) estatal.
n
nTrabeculae
n
nA empresa, que conta cun laboratorio propio de elevado nivel de equipamento no niño que ocupa no Centro de Empresas e Innovación do Parque Tecnolóxico de Galicia, naceu coa intención de cubrir a necesidade de contar en España cunha empresa de investigación médica aplicada para o estudo de calidade ósea en patoloxías osteodexenerativas, como a osteoporose ou a artose.
n
nAdemais, os promotores da empresa observaron a necesidade de crear unha área de apoio á investigación para aqueles investigadores que, por falta de recursos nos seus centros de traballo, necesitaban asesoramento en deseño, metodoloxía, recollida de datos, análise bioestatística e divulgación científica. Actualmente, Trabeculae segue traballando nestas dúas áreas de investigación, sendo xa un referente estatal no estudo da calidade ósea.
n
nA empresa incorporouse en 2008 ás Plataformas Tecnolóxicas Galegas de Nanotecnoloxía (NANOGAL)  e Biotecnoloxía (BIOTEGA), e á Rede Nacional de Envellecemento e Fraxilidade (RETICEF) do Ministerio de Sanidade e Consumo. Ademais, colabora habitualmente, entre outros, coa Universidade de Vigo nos seus proxectos de I+D.