Investigadores de atlanTTic crean unha “app” que facilita a comunicación de persoas autistas na súa contorna laboral

Investigadores do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do centro atlanTTic da UVigo desenvolveron unha aplicación gratuíta para dispositivos Android que facilita a comunicación de persoas con autismo na súa contorna laboral e que xa está dispoñible a través de Google Play. A solución foi seleccionada entre as ideas gañadoras da segunda convocatoria de axudas para investigación en tecnoloxías accesibles da Fundación Universia e Indra, que achegaron 24.000 euros.

A aplicación talkAACtive permite que calquera persoa con dificultades de comunicación, xa sexan trastornos do espectro autista ou doenzas como a afasia, practiquen e autoevalúen a súa fala ou escritura mediante pictogramas. Ademais, tamén pode funcionar como un comunicador pictográfico para facilitar a aprendizaxe. O obxectivo último é que os usuarios logren abandonar a comunicación por pictogramas e sexan capaces de adaptar a súa expresión para integrarse sen axuda no seu traballo ou a súa vida cotiá.

Os investigadores contaron coa colaboración dun deseñador gráfico para facer a aplicación máis atractiva e accesible. E tamén foron asesorados durante todo o proceso por expertos da asociación Transtornos do Espectro Autista de Vigo (Teavi), que lles axudaron a definir a aplicación adaptada á contorna de traballo dun administrativo. Ademais varios usuarios do colectivo probárona.

A “app” é “altamente configurable e personalizable” para adaptarse a calquera problemática. E permite, por exemplo, engadir pictogramas ou seleccionar inglés ou castelán.

Fonte: Faro de Vigo