Un equipo do centro tecnolóxico Aimen, situado no Porriño, participa no proxecto internacional MATCh (Monoblock acetabular cup with trabecular-like coating), unha iniciativa de I+D+i cuxo obxectivo é mellorar a biocompatibilidade e a durabilidade das próteses de cadeira mediante un novo recubrimento cerámico bioactivo incorporado con tecnoloxía láser.
Os investigadores galegos levan catro anos traballando neste recubrimento, que simula a estrutura do óso. “Esta peza, que actualmente está fabricada en metal, é a que permite a rotación da cadeira e aguanta a maior parte do peso do corpo, polo que sofre un continuo desgaste, xerando impurezas provocadas pola devandita erosión; a nova prótese terá por primeira vez un tipo de recubrimento cerámico que xa se demostrou que é biocompatible e a súa fixación será moito máis duradeira”, explica Mª Anxos Montealegre, directora do proxecto en Galicia.
Aimen encargouse de realizar a estrutura 3D mediante tecnoloxía láser, na que é referencia en España e Europa. Mentres tanto, os socios do proxecto MATCh en Italia, que son os coordinadores xerais, traballaron sobre distintas composicións de po cerámico, “seleccionando o que presentaba un maior carácter bioactivo e un maior grao de propiedades osteoinductivas; é dicir, unha estrutura porosa que facilite a rexeneración do óso e, deste xeito, asegurar unha mellor ancoraxe da copa coa cadeira do paciente”, describe a directora.
Actualmente, MATCh atópase en fase de proba in vitro con células osteoblastos, “para analizar a capacidade bioactiva do material”, un traballo que realizan desde Turquía e cuxos ensaios de biocompatibilidade “xa arroxaron resultados positivos”, adianta Montealegre. MATCh, que conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros, recibiu financiamento do Sétimo Programa Marco da Unión Europea.
(Fonte: La Opinión)