Por outro lado, hai que admitir que os pasos que se fixeron ata agora indican que a comunidade científica non quere perder o tempo. Entre as últimas novidades atópase un tipo de ‘pegamento’ intelixente de ADN, un invento logrado por un grupo de investigadores da Universidade de Texas en Austin. O material, moi parecido a un xel, fíxose a partir do recubrimento de micropartículas de plástico (poliestireno ou poliacrilamida) con 40 pares de bases de ADN e que pode ser usado para a impresión en tres dimensións de obxectos, chegando a un tamaño de varios centímetros.
Publicado na revista ACS Biomaterials Science & Engineering co título de “3D Printing with Nucleic Acid Adhesives”, o estudo explora a idea novidosa de que o ADN podería empregarse como un ‘adhesivo’ no proceso de fabricación aditiva dos órganos e tecidos.
En caso de demostrarse a súa utilidade, a técnica podería representar un paso máis na produción de material biolóxico xa que se eliminarían algúns dos maiores inconvenientes dos procedementos actuais: o custo prohibitivo de material de maiores dimensións ou a necesidade de bioimpresoras capaces de reproducir obxectos a nivel nanométrico.
Bos resultados preliminares
Tendo isto en mente, o equipo de científicos dirixido por Andrew Ellington asumiu o reto e propuxéronse crear un material a base de ADN de maior tamaño e que ao mesmo tempo sexa máis alcanzable. A partir dos experimentos estes foron capaces de manipular o xel sen a necesidade dun microscopio e comprobaron que a súa estrutura podía mesmo manter a súa forma.
Á parte diso, os resultados tamén demostraron que o material dispón dunha estrutura favorable ao crecemento de células, o que lle permitirá converterse nunha peza esencial no proceso de impresión en 3 D de estruturas biolóxicas. En combinación coa capacidade de adaptar de forma específica as secuencias do ADN para programar a estrutura final do xel, o concepto de ‘pegamento intelixente” abre máis a posibilidade de aplicacións viables a grande escala.
“A informática molecular máis avanzada poderíanos permitir determinar coa axuda dos algoritmos o proceso de montaxe do nivel micro ao nano. Os circuítos moleculares con base de ADN poderían mediar a característica condicional e a montaxe algorítmica de subunidades de ADN modificadas en morfoloxías de orde superior”, explican os investigadores.
(Fonte: ticbeat)