Inventos que melloran a vida cotiá, proxectos de enxeñería e investigacións científicas compiten na ‘Galiciencia 2009’

Medio cento de equipos de estudantes chegados das catro provincias galegas, de Barcelona e de Guipúzcoa dirixen desde hoxe os seus propios stands na feira científica máis grande que se celebra en Galicia, a ‘Galiciencia’. Ata o venres defenderán os seus proxectos de I+D+i diante dos máis de dous mil visitantes que pasarán polo Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole-, en Ourense, ata o vindeiro venres.

Os inventos que melloran a vida cotiá, os proxectos de enxeñería e as investigacións científicas son os traballos protagonistas desta mostra, coa que se clausuran as actividades da Semana da Ciencia en Galicia baixo o patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria. O día 27 un xurado experto elixirá os mellores en tres categorías por idades.

En total, trátase de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.

Entre os enxeños deseñados para mellorar a vida cotiá están un protector para xeados que evita que nos manchemos, presentado por alumnas da localidade ourensá de San Cristovo de Cea; e un modelo de roda para automóbil con dobre cámara e reflectantes que estudantes do IES Xoán Montes de Lugo deseñaron para circular máis seguros en mollado. Na ‘Galiciencia’ tamén se pode probar unha mochila ergonómica para evitar sobrecargas nas costas ideada por un equipo do Colexio Guillelme Brown de Ourense formado por estudantes “fartos de sufrir polo peso dos libros todos os días”.

Os estudantes están a demostrar tamén que serán enxeñeiros moi competitivos no futuro. Dous equipos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela (A Coruña) destacan en enxeñería informática con un conxunto de sensores que, funcionando de forma coordinada, permiten o control de sistemas informáticos mediante movementos do corpo (o Handtracking v2.0) e un sistema operativo para ordenador que permite utilizar os programas sen necesidade de instalalos. Mentres, estudantes de Nigrán (Pontevedra), atoparon a maneira de adestrar a un equipo de microrrobots para xogar ao fútbol, bailar e sortear un labirinto.

Das enerxías limpas ás lentellas que medran con Beethoven

As enerxías renovables e as innovacións relacionadas coa protección do medio ambiente teñen un lugar privilexiado nos ámbitos de traballo destes talentos precoces. Exemplos destas inquedanzas son unha novidosa instalación termo+fotovoltaica de alumnos do CPR Divino Maestro de Ourense; un novo motor eléctrico con maior rendemento desenvolvido por estudantes barceloneses; ou un panel solar con células orientadas ideado por rapaces lucenses.

A I+D relacionada coa beleza tamén é unha prioridade para os investigadores da ‘Galiciencia’. Alumnas do Colexio Alborada de Vigo (Pontevedra) e do CPI Virxe Saleta de San Cristovo de Cea (Ourense) estudan fórmulas de extracción de aceites esenciais de algas para elaborar cosméticos e a calidade dos perfumes.

As investigacións sobre a vida no Polo Norte, a linguaxe dos SMS, a fin do Universo, a verdade sobre os produtos que prometen grandes cantidades de vitaminas e probióticos e os efectos do tabaco demostran a diversidade de temas que rexen as inquedanzas dos máis novos nesta feira científica, na que non faltan os descubrimentos sorprendentes, como que as lentellas medran mellor con música de Beethoven, segundo os experimentos realizados por alumnas ourensás.

Éxito da ciencia divertida de Adolf Cortel

O divulgador Adolf Cortel está a repetir por terceiro ano consecutivo o seu éxito na ‘Galiciencia’ con novos experimentos didácticos de ciencia divertida. As súas espectaculares demostracións con potentes láseres sobre a enerxía transportada pola luz e como esta se absorbe, se transmite ou se reflicte, a análise da música e da voz mediante a visualización das ondas sonoras nun tubo de chamas ou os experimentos sorprendentes con xeradores de alta tensión capaces de cargar aos humanos foron seguidos con atención polos primeiros centos de rapaces chegados de centros escolares de toda Galicia durante a xornada de hoxe.

Os máis de dous mil estudantes que visitan a ‘Galiciencia’ entre hoxe e o venres asisten tamén ás sesións de astronomía no planetario instalado na Tecnópole e aos obradoiros sobre a evolución e as novas tecnoloxías, que se repetirán varias veces cada un dos tres días que vai durar o evento.

Todas as fotografías no Álbum da Galiciencia na Galería de Imaxes de Tecnópole.