Que a chamada “intrainnovación” -traballadores emprendedores que proporcionan ideas innovadoras á súa propia empresa- se convertera nun importante factor no aforro dunha compañía non é nada novo. Non obstante, os datos alcanzados por unha grande empresa que, a priori, non necesita estes aforros si é relevante: Endesa, coas achegas dos seus empregados nos Premios BYEM, xeraron -entre aforros de custos e melloras de ingresos- 16 millóns de euros anuais.
Ese é o balance presentado na entrega da cuarta edición dos Premios BYEM (Busca e Atopa Melloras), un proxecto co que Endesa se dirixe aos empregados das unidades de produción de centrais térmicas de carbón, fuel e ciclos combinados para que, coas súas achegas, contribúan á expansión da compañía española.
Nesta edición, alcanzouse unha participación do 11% (unha cifra aínda non moi alta) do persoal das 25 plantas de xeración de Endesa e logrouse, grazas ás novas iniciativas presentadas este ano, un aforro de 7 millóns de euros. Así, en conxunto, implantáronse xa 84 novos proxectos, dun total de 311 ideas presentadas polos empregados; ademais, 41 están en curso, 168 seguen en fase de estudo e tan só 15 foron desestimadas.
Entre todos estes datos hai algo moi significativo: os 16 millóns alcanzados requiren dun investimento medio de preto de 1 millón de euros (na maior parte das iniciativas requírense modificacións das condicións do proceso de produción sen necesidade de investimento directo). Por iso, segundo Endesa, “o aforro total conseguido tras a implantación das melloras presentadas e implementadas nos tres últimos exercicios ascende a 37 millóns de euros, cun investimento realizado duns 5 millóns de euros”.
Cabe dicir que estes premios, xurdidos do Plan BYEM, xa tiveron a súa réplica no resto do Grupo Enel, ao que pertence Endesa. Tras catro edicións, este proxecto xa se implantou en oito países cun programa similar, o Gxcellence Award, para os empregados de xeración convencional (térmicas de carbón, fuel e gas, e ciclos combinados).
(Fonte: Innovaspain)