Intellectia Bank comercializará sementes de cogomelos

Intellectia Bank, empresa con sede en Tecnópole e integrada no Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias de Vida (Bioga), acaba de poñer en marcha a comercialización de semente de cogomelos, abrindo así unha nova vía de negocio. Só seis empresas en España contan con autorización para poñer este produto no mercado. A empresa ourensá lanza Miceup, a marca que comercializa o micelio en gran para poder cultivar cogomelos durante todo o ano.

A compañía ourensá explica que “cando no monte non atopemos tan prezado manxar, poderemos recorrer ao xardín da nosa casa” para producir cogomelos, e recorda que “cun substrato axeitado podemos cultivalos independentemente da época do ano”.

Variedades e forma de cultivo

Intellectia Bank, a través da marca Miceup, comercializa sementes de catro variedades de cogomelo como son macrolepiota procera, coprinus comatus, morchella elata e gonoderma lucidum.

A firma tecnolóxica fixa unha serie de recomendacións para o cultivo do micelio de cogomelo, que se comercializa online a través da web da propia compañía e da páxina especializada en produtos agrícolas Agroterra. As catro especies que comercializa teñen unha carne moi apreciada.

A empresa recomenda aplicar o micelio nos meses de outono ou primavera. Os primeiros cogomelos aparecen ao cabo de seis meses dende a súa plantación.

Para o cultivo debe elixirse un lugar axeitado para a plantación das sementes, debe ser en case todos os casos unha zona con boa drenaxe. O micelio comercialízase online a través da páxina web de Intellectia Bank e da páxina especializada en produtos agrícolas Agroterra

Intellectia Bank é unha empresa dedicada a I+D+i no ámbito da enxeñería, TIC e biotecnoloxía. Está especializada en monitorización e o seu punto forte é o deseño e desenvolvemento de sensores. A innovación é a base da compañía ourensá.

Actualmente ten aberto un proceso de selección dun enxeñeiro en Telecomunicacións, un doutorado en Tecnoloxías e Sistemas de Comunicacións ou doutorado en Enxeñería de Sistemas Electrónicos e un doutorado en Química.

(Fonte: Faro de Vigo)