Intelixencia artificial con selo galego

Hai revolucións que chegan para quedar e a da tecnoloxía, aplicada na xestión de procesos, é unha delas. As ferramentas de análises que utilizan a intelixencia artificial e o chamado big data non son cousa do futuro, senón do presente, e cada vez hai máis empresas interesadas nelas para mellorar os seus resultados.

O potencial destas tecnoloxías coñéceno ben os profesionais que están detrás de InVerbis, unha spin-off incubada no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. Os seus investigadores desenvolveron unha plataforma que mellora a produtividade a partir de técnicas sustentadas na IA e no manexo de grandes volumes de datos. A clave está no uso de algoritmos orixinais que se enmarcan nunha categoría da intelixencia artificial coñecida como minería de procesos. Grazas a isto, a ferramenta que desenvolveron pode xerar visualizacións e informes intelixentes para coñecer como se están executando os fluxos de traballo en sectores de todo tipo e automatizar operacións de maneira rápida e efectiva.

«Para avaliar o seu desempeño, as empresas fíxanse nunha serie de métricas, coma se a produción aumentou ou se os custos foron maiores, e en base a iso toman decisións. O problema é que o fan de xeito sesgado porque non teñen en conta toda a información da que poderían dispor», apunta Alejandro Ramos, director de I+D+i de InVerbis, que explica que «máis que fixarse no resultado das cousas, a cuestión é por que se chegou a eses resultados». Sobre iso actúa InVerbis, que reconstrúe os procesos a partir dos datos que teñen, que en ocasións son moitos máis dos que as empresas cren. «Cada vez temos máis información grazas á dixitalización e todo iso sérvenos a nós para reflectir como se está a traballar e poder localizar así problemas que nos permitan mellorar os resultados», afirma o director de I+D+i de InVerbis.

Industria do automóbil

A pesar de que a plataforma contempla a análise de actividades en diferentes sectores, InVerbis mira con especial interese á industria do automóbil, coa que empezará a traballar de forma estreita grazas ao Clúster de Automoción de Galicia. O seu proxecto foi seleccionado para formar parte do programa Business Factory Auto, grazas ao cal poderán seguir desenvolvendo a ferramenta en colaboración con esta industria.

Fonte: La Voz de Galicia